O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo converteuse no primeiro centro sanitario galego en realizar implantes minimamente invasivos para a protección das arterias carótidas e a prevención de ictus, e é o segundo no Estado en aplicar esta nova técnica, desenvolvida no marco dun estudo de envergadura internacional.
Segundo informaron fontes do Sergas, ata agora leváronse a cabo dous implantes por parte dun equipo multidisciplinar, composto por especialistas de Cardioloxía, Cirurxía Vascular, Neuroloxía, e Neurorradioloxía, e os procedementos foron un éxito, cos pacientes dados de alta na súa casa e levando vida normal.
Segundo explicou o investigador principal do estudo en Vigo, o cardiólogo Víctor Jiménez, esta técnica é unha opción terapéutica de futuro “para protexer os pacientes que xa sufriron ictus, e prever así novos episodios cerebrovasculares”. De feito, con este procedemento pódese diminuír o risco de accidente cerebrovascular ata nun 90 % dos casos.
A maioría dos ictus prodúcense a través das arterias carótidas, os vasos sanguíneos que levan o sangue ao cerebro e a cara. Ás veces, a través do fluxo sanguíneo, desprázanse coágulos que poden chegar ao cerebro e causar un accidente vascular.
Os pacientes susceptibles de recibir estes implantes han de cumprir uns requisitos: trátase de persoas con fibrilación auricular, que xa sufriron un episodio cerebrovascular e teñen alto risco de que se repita, aínda que sigan tratamento con anticoagulantes.
TECNOLOXÍA
O implante consiste nun dispositivo de nitinol en forma de espiral que, dunha forma minimamente invasiva, se introduce nas carótidas a través dunha ecografía guiada, de maneira que non se necesita anestesia nin sedación. Cando se chega á carótida, a espiral desprégase ao redor da arteria para cubrila e protexela, e actúa como filtro que evita o desprazamento de coágulos cara ao cerebro.
A Unidade de Investigación Cardiovascular do hospital Álvaro Cunqueiro, xunto co resto de servizos, participa nun estudo internacional para validar a seguridade e eficacia desta técnica, realizando un seguimento continuado aos pacientes durante dous. Está previsto que os profesionais realicen outros 5 implantes máis no marco deste proxecto de investigación.