InicioVigo e contornaVigoPremio ao deseño "inclusivo e sustentable" do Porto de Vigo

Premio ao deseño “inclusivo e sustentable” do Porto de Vigo

O peirao vén de ser recoñecido nun certame internacional.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Asociación Internacional de Portos (IAPH) premiou o proxecto ‘Living Ports’ da Autoridade Portuaria de Vigo como un dos mellores do mundo na categoría de Infraestruturas Sustentables, na que competía contra as terminais de Róterdan, Hamburgo, Vancouver e a cooperación de portos de Gladstone.

Segundo informou o Porto de Vigo, o recoñecemento outorgouse tras o resultado da avaliación do xurado e o voto do público, e entregouse a pasada madrugada en Vancouver. A terminal olívica, que xa obtivo este premio hai dous anos co seu proxecto ‘Peiraos do Solpor’, viu de novo recoñecida unha iniciativa, neste caso ‘Living Ports’. Trátase dun proxecto financiado pola UE na súa estratexia de Crecemento Azul, e aposta por operar un cambio nas operacións da industria de infraestrutura costeira e mariña, substituíndo as instalacións tradicionais grises e obsoletas por outras “inclusivas e sustentables”.

‘Living Ports’, que ten un orzamento de algo máis de 3 millóns de euros, desenvólvese a través dun consorcio formado por catro socios de tres países: ECOncrete, provedor de tecnoloxía israelí para solucións ecolóxicas; Porto de Vigo; o estaleiro vigués Cardama; e os Institutos de Enxeñaría Civil e Recursos Acuáticos da Universidade Técnica de Dinamarca (DTU).

O xefe do Departamento de Sustentabilidade do Porto, Carlos Botana, e o xefe de División de Proxectos e Obras, Gerardo González, foron os encargados de recoller o galardón, e destacaron que o premio é “froito do traballo conxunto” e da aposta decidida da Autoridade Portuaria de Vigo polas “infraestruturas verdes”.

Ademais, o proxecto dá un paso máis e prevé a construción dun ‘observatorio submarino’ de 310 metros cadrados, na dársena de Laxe. Esta estrutura, deseñada por Cardama, servirá para observar a flora e a fauna mariña que colonizarán as estruturas de formigón ecolóxico que se instalarán sobre a parede do peirao.

ÚLTIMAS

Un falecido e tres feridos nun choque frontal en Redondela: un dos ocupantes quedou atrapado no vehículo

Unha persoa faleceu e outras tres resultaron feridas nunha colisión entre dous vehículos este...

Centos de médicos reclaman en Vigo un estatuto propio: “Non queremos atendervos mal nin con pouco tempo”

Centenares de médicos saíron á rúa este xoves en Vigo para pedir un estatuto...

Ultimato de Caballero á Deputación para a firma do convenio para a piscina de Teis: “Xa non fago paripés”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, expuxo este xoves un ultimato á Deputación de...

Buscan un novo plan funcional e estratéxico para o IFEVI de Vigo

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, informou de que este venres...