InicioSociedadeAbel Caballero: "Estou encandato" coa instalación dun Cristo na Guía para acabar...

Abel Caballero: “Estou encandato” coa instalación dun Cristo na Guía para acabar a obra de Gómez Román

O alcalde de Vigo matizou que o Concello "non sufragou ningunha imaxe relixiosa", senón que a estatua foi unha "doazón" da Deputación de Pontevedra, elaborada pola súa Escola de Cantaría, segundo o deseño de Gómez Román, e que a administración pública pagou o transporte e instalación (uns 84.000 euros).

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, saíu ao paso este venres das críticas polo feito de que Concello e Deputación sufragasen a instalación dunha estatua do Sacro Corazón no alto da torre da ermida da Guía, e xustificou a actuación pola necesidade de concluír o proxecto de Gómez Román, “seguramente un do tres mellores arquitectos da historia de Galicia”.

Cuestionado polos medios de comunicación sobre as denuncias de diversos colectivos, entre eles a Asemblea Republicana de Vigo, o rexedor sinalou que non coñece á dita Asemblea e “ninguén a coñece na cidade“. En todo caso, xustificou o uso de fondos públicos para rematar o proxecto da ermida segundo o deseño de Gómez Román, un arquitecto “defensor da República”, destacado membro do Partido Galeguista, concelleiro, membro da Fundación Penzol, da Editorial Galaxia e autor de obras emblemáticas na cidade como A Panificadora, o edificio do Banco Pastor, da conserveira Alfageme, do monumento a Concepción Arenal, do edificio Müller ou da actual sede do Real Club Celta en cálea Príncipe.

Por outra banda, o alcalde matizou que o Concello “non sufragou ningunha imaxe relixiosa”, senón que a estatua foi unha “doazón” da Deputación de Pontevedra, elaborada pola súa Escola de Cantaría, segundo o deseño de Gómez Román, e que a administración pública pagou o transporte e instalación (uns 84.000 euros). “Non quero na cidade ningunha gran obra de arte inconclusa”, insistiu, e acusou á Asemblea Republicana de “atacar” ao arquitecto.

Tras insistir en que está “encantado” e que mesmo o Concello “podía sufragar” a estatua, negou que a imaxe relixiosa teña connotacións políticas vinculadas á ditadura franquista. “Hai que respectar todas as relixións (…) non comparto ese tufillo antirreligioso”, afirmou.

Abel Caballero tamén lembrou que o Concello ten un acordo coa Igrexa para contribuír economicamente no mantemento, restauración e conservación do patrimonio histórico e artístico de bens relixiosos, e colaborou en melloras na igrexa románica de Castrelos ou na restauración do órgano da Concatedral, agora Basílica de Santa María.

Con respecto á ermida da Guía, hai un convenio específico asinado entre o Bispado, o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, que recolle a achega, por parte das administracións, dun total de 106.079,65 euros. Así, ademais dos algo máis de 84.000 euros para a instalación da imaxe relixiosa, contémplanse outros 21.845 euros para a iluminación ornamental do exterior da capela.

ÚLTIMAS

Hospitalizado un mozo de 17 anos tras ser agredido con arma branca no Entroido de Hío

Un mozo de 17 anos, veciño de Vigo, tivo que ser hospitalizado na noite...

A Cátedra Ardán sitúa a Interfish España como un alicerce estratéxico para a economía

A Cátedra Ardán, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade...

Detido un home en Vigo por agredir e romperlle o beizo a unha muller en plena rúa

Un home, H.J.R. de 40 anos de idade, foi detido o pasado sábado en...

Temor no sector naval pola escaseza de persoal cualificado

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, valorou este martes o "bo momento" da...