O candidato a presidir o PPdeG, Alfonso Rueda, pechou este domingo a campaña que arrincou hai dúas semanas en Lugo previa á celebración do 18º Congreso dos populares galegos, que se celebrará os días 21 e 22 de maio en Pontevedra, co reto de “mellorar aínda máis o legado de Feijóo” e de “conquistar a quinta maioría absoluta”.
Nun acto na terraza do Auditorio do Mar de Vigo, Rueda destacou o traballo que os populares aínda teñen por diante, “cun Goberno da Xunta que asumir, un Congreso que celebrar, unhas municipais por encarar, un líder como Alberto Núñez Feijóo ao que axudar para levalo á Moncloa e unha quinta maioría por conquistar”.
Acompañado pola presidenta do partido na cidade, Marta Fernández-Tapias, Alfonso Rueda aproveitou para remarcar a importancia de que os populares sexan a voz dos vigueses ante un alcalde, Abel Caballero, “que se inventa confrontacións e descualifica continuamente”. Fronte a isto, téndelle a man e deixa claro que el responderá “con propostas e argumentos”.
“Cando me insulten, se o fan, que oxalá non, eu vou contestar con argumentos; cando me difamen e invente cousas, que oxalá non, pero témome que o farán, eu vou facer propostas; e cando non haxa outra cantilena que ‘Xunta, Xunta, Xunta’ e o nome de ‘Feijóo, Feijóo, Feijóo’ cambie polo de ‘Rueda, Rueda, Rueda’, eu vou dicir ‘Vigo, Vigo, Vigo’ e ‘Galicia, Galicia, Galicia’. Iso é o que vou facer e esa é a miña man tendida. A ver se o entenden dunha vez e empezan a cambiar as cousas aquí”, manifestou.
Por outra banda, pediu non confrontar territorios dentro de Galicia: “Eu creo nunha Galicia que é moi grande e ao mesmo tempo demasiado pequena para dividila e para pensar en confrontar un territorio con outro como se fai aquí”.
Nesta mesma liña, censurou que se diga que “unha ponte marca unha fronteira”, en relación ás críticas do alcalde da cidade á Xunta, porque, considerou, iso significa “perder oportunidades”.
Por iso, cualificou Vigo como “unha cidade magnífica”, pero indicou que “máis aló da Ponte de Rande está Lugo, está Ourense e está Mos” e apostilou que esa é “a Galicia grande que hai que unir”.