InicioPiden 44 anos de cárcere para o acusado de asasinar á súa...

Piden 44 anos de cárcere para o acusado de asasinar á súa irmá e a súa sobriña en Soutomaior

Os feitos aconteceron en agosto de 2020.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Fiscalía solicita penas que suman 44 anos de cárcere para Miguel G.R., acusado de asasinar á súa irmá e á súa sobriña, ás que disparou cunha pistola semiautomática en agosto de 2020, no municipio de Soutomaior, e que será xulgado por un tribunal de xurado a semana do 9 ao 13 de maio na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo o escrito de acusación pública, os feitos ocorreron o 21 de agosto de 2020, á primeira hora da tarde, cando as vítimas, nai e filla, de 62 e 26 anos de idade respectivamente, acudiron á infravivenda na que vivía o acusado para reclamarlle unha escaleira.

Sen que se aclarou se se produciu unha disputa entre eles, Miguel G.R. colleu unha pistola automática de calibre 9 mm, para a que non tiña licenza, e disparou practicamente a pelacorpo á súa irmá e á súa sobriña, sen que tivesen posibilidade de defensa. Á primeira alcanzoulle o corazón, e á nova disparoulle no esternón, tras o que lle colocou o canón da arma nunha fazula e debaixo dunha clavícula, causando na súa pel tres queimaduras en forma semicircular. Ambas faleceron case ao instante.

Pouco despois destes feitos, un veciño achegouse á zona coa intención de entregarlle ao acusado un teléfono móbil que este lle encargou. Ao chegar, Miguel G.R. confesoulle que acababa de matar á súa irmá e á súa sobriña, e pediulle reiteradamente que avisase á Garda Civil.

DELITOS E PENAS

Por estes feitos, o ministerio público considera ao acusado autor de dous delitos de asasinato e un de tenencia ilícita de armas, e pide que se lle aplique a circunstancia agravante de parentesco, e a atenuante de confesión. Así, reclama que se lle impoñan penas que suman 44 anos de prisión, e que indemnice á parella da súa irmá en 112.400 euros; ao pai da súa sobriña, en 107.100 euros; e ao fillo e irmán das vítimas, o seu sobriño, en 72.000 euros.

ÚLTIMAS

O aforo para presenciar o aceso da árbore de Nadal na Porta do Sol estará limitado a 7.000 persoas

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, desvelou este martes algúns detalles máis sobre o acto...

Nace a Plataforma contra a Masificación Turística Vigo-O Morrazo para “mitigar os efectos nocivos” do turismo actual

A Plataforma contra a Masificación Turística Vigo-O Morrazo presentouse este martes publicamente na cidade olívica e...

Abel Caballero reclama ao Goberno que elimine as peaxes da AP-9 ao mesmo tempo que nos accesos a Madrid

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou ao Goberno de España a eliminación das peaxes na...

Estudantes galegos súmanse á folga en solidariedade cos afectados, con actos en Vigo e A Coruña

Os estudantes galegos sumáronse este martes á folga nacional convocada polo Sindicato de Estudantes en...