InicioEconomíaInaugurado o novo paseo das Avenidas, pechado desde o accidente no Marisquiño

Inaugurado o novo paseo das Avenidas, pechado desde o accidente no Marisquiño

Supuxo un investimento de máis de 5 millóns de euros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Porto de Vigo inaugurou este martes o novo paseo das Avenidas, que supuxo un investimento de máis de 5 millóns de euros para abarcar uns 12.400 metros cadrados de superficie acondicionada. Desta maneira, vólvese abrir ao público un lugar que levaba pechado desde agosto de 2018, cando se produciu o accidente durante o festival O Marisquiño.

Máis de medio cento de autoridades, usuarios do Porto, asociacións de veciños e cidadáns acompañaron esta mañá ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, e ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, na inauguración oficial do paseo.

Os traballos, que se iniciaron a principios do ano pasado, supuxeron a acondicionación de máis de 12.400 metros cadrados, con 600 metros de carril bici, seis zonas estanciais novas con 40 metros de bancos e 12 xardineiras, así como tumbonas, aparcadoiros para bicis e nova iluminación e mobiliario urbano.

Tal como explicou o máximo responsable portuario, actuouse tanto sobre o tramo lousado de terra firme, como sobre o paseo de madeira mediante unha estrutura sobre a auga, para o que se reforzou o pavimento e cambiáronse as lousas que había por outras de menor tamaño para evitar que creben.

Durante a súa intervención, Vázquez Almuiña lembrou que a Autoridade Portuaria quixo “ir máis aló” e reforestou os xardíns, limpou as pintadas da zona, restaurou as esculturas e reforzou e mellorou a contorna de varios monumentos, entre outras accións.

Segundo destacou, o novo paseo das Avenidas será un dos primeiros lugares que verán os 400.000 turistas que chegan a Vigo a bordo de transatlánticos, polo que este martes é “un día importante”, xa que “se abre unha ampla avenida pechada desde agosto de 2018”.

“Un lugar para pasear, a pé ou en bicicleta, tomar o sol, fomentar os bos hábitos saudables e gozar de grandes citas culturais, festivais e náuticas, como a Vigo SeaFest, O Marisquiño, a lacobus Maris, a Semana Azul de Ariven ou os concertos programados polo Xacobeo na cidade”, reivindicou.

Pola súa banda, Alfonso Rueda puxo en valor a importancia da colaboración da Xunta co Porto para a remodelación do espazo, co obxectivo de fomentar a mobilidade sustentable na fachada marítima viguesa “abrindo a cidade ao mar e achegando o mar á cidade”.

ÚLTIMAS

Balaídos terá unha ‘Tribuna Iago Aspas’: Caballero anuncia que levará o nome do xogador e terá unha estatua ao seu carón

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio...

Vox leva ao xulgado os incidentes nunha mesa informativa en Cangas e estuda accións polo acto frustrado de Santiago

Vox presentou este martes unha denuncia ante a sección de instrución do Xulgado de...

Foanpas denuncia “carencias de profesorado” e “caos” no transporte escolar neste inicio de curso en Vigo

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Centros Escolares de Vigo...

Vigo pon en marcha o Nadal: comeza a montaxe dos grandes elementos con case 13 millóns de luces

O Concello de Vigo iniciou este martes a montaxe dos grandes elementos do seu...