InicioSociedadeActuará Muse en Vigo? Caballero di estar "seguro" de chegar a acordo...

Actuará Muse en Vigo? Caballero di estar “seguro” de chegar a acordo coa Xunta

O alcalde de Vigo indica que segue "esperando" a recibir esa solicitude de concerto por parte da Xunta. O Goberno galego afirma que vai seguir "tentando" que o concerto se faga en Vigo.

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pasou en cuestión de días de rexeitar a celebración de concertos do Xacobeo en Balaídos ou no auditorio municipal de Castrelos, a afirmar que, se recibe unha solicitude para o concerto de Muse, está “absolutamente seguro” de que se poderá chegar a un acordo.

Así o trasladou nunha rolda de prensa na que insistiu en que o Concello olívico non recibiu petición ningunha por parte da Xunta, do Xacobeo ou de ningunha promotora para a celebración do concerto da banda británica; todo iso despois de que o goberno galego denunciase que o evento non podería celebrarse pola negativa do alcalde a ceder o estadio municipal.

Nese sentido, o alcalde repetiu que non hai petición sobre ese concerto concreto, á marxe dunha carta do Real Club Celta pedindo permiso para facer concertos e eventos vinculados ao seu centenario.

Con todo, afirmou que se recibe a petición, está “absolutamente seguro” de que se podería chegar a un acordo. “A través dos medios de comunicación non se fan solicitudes en ningún sitio do mundo”, sinalou, e repetiu que segue “esperando” a recibir esa solicitude. “Se se produce, seguro que imos chegar a un acordo”, incidiu.

O alcalde de Vigo manifestou xa en febreiro pasado o seu desacordo coa celebración de eventos do Xacobeo na cidade, alegando que o Ano Santo é “irrelevante” na cidade e pedindo ao goberno galego que transfira o diñeiro para que sexa o propio Concello o que organice os concertos.

A semana pasada, tras coñecerse que a Xunta planeaba un gran concerto en Vigo (aínda que sen desvelar o nome do grupo), Abel Caballero advertiu de que non podería facerse no estadio municipal debido ás obras e, sobre o uso do Auditorio de Castrelos tamén foi tallante: “En Castrelos só organiza concertos o Concello”.

“SEGUIR TENTANDO”

Pola súa banda, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, trasladou este luns a súa disposición a “sentar” co alcalde para concretar “o que queira”, e sinalou que a administración autonómica vai seguir ” tentando” que se celebre o concerto de Muse na cidade.

Segundo apuntou en declaracións aos medios, “durante semanas” Abel Caballero estivo a dicir que non cedería o estadio nin o Auditorio de Castrelos, e acusouno de querer “desviar a polémica”. “Nós non mentimos, quedou acreditado que había acordo coa promotora e que a primeira opción para o concerto de Muse era Vigo”, afirmou, e explicou que, ademais de coa promotora, a Xunta “falou co Celta” porque é a entidade que neste momento está a usar o estadio, por iso “foron eles os que pediron o espazo”.

Fernández-Tapias engadiu que as obras de reforma “son unha escusa” porque o estadio conta con plan de autoprotección e poderíase facer este evento, e explicou que a negativa do rexedor “sorprendeu” á promotora.

Con todo, matizou, se hai “posibilidade de cesión”, e o Concello accede a permitir o concerto, a Xunta vai seguir “tentando” que se faga en Vigo. “Pero as horas pasan, e as promotoras teñen que pechar os concertos”, urxiu a delegada, que apuntou que “non hai necesidade dunha nova solicitude” porque “xa está feita”. “Podémonos sentar e concretar o que queira o alcalde. Se quere sentar eu estou disposta”, aseverou.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...