InicioPolíticaAprobada a esixencia dunha sede de coordinación do IEO no pleno de...

Aprobada a esixencia dunha sede de coordinación do IEO no pleno de Vigo

Por outra banda, o pleno de Vigo tamén deu luz verde a unha moción socialista, cos votos favorables do grupo de goberno e o BNG, e a abstención de PP e Marea, para reclamar que se modifique a planificación de Rede Eléctrica Española e se inclúa a conexión de planta de Stellantis (e da área urbana da cidade) á rede de moi alta tensión.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O pleno da Corporación do Concello de Vigo aprobou este mércores unha moción presentada polo grupo de goberno para censurar a decisión do Goberno de deixar a sede viguesa do Instituto Español de Oceanografía (IEO) sen a xefatura da área de Pesqueiras e Acuicultura e esixir que dita sede sexa designada como oficina de coordinación de todo este organismo a nivel nacional.

Con todo, a proposta non tivo respaldo unánime e, a pesar de que todos os grupos políticos municipais criticaron a decisión do Ministerio de Ciencia e Innovación, foron incapaces de chegar a un acordo para que houbese un posicionamento común.

Así, a moción aprobada contou cos votos positivos do PSOE, a abstención de BNG e Marea de Vigo, e o voto contrario do PP. Mentres, unha moción do grupo ‘popular’ no mesmo sentido foi rexeitada, ao contar só cos votos favorables do PP, a abstención de Marea e BNG, e o rexeitamento do PSOE.

O principal obstáculo para lograr un posicionamento común foi o matiz introducido polo PSOE na súa moción xa que, ademais de reclamar unha sede coordinadora do IEO e desaprobar a decisión do Executivo central, tamén critica á Xunta polo seu “clamoroso silencio” ao non promocionar a candidatura da cidade e non tomar medidas.

Así, Elena Espinosa censurou que Feijóo “non fixo os deberes” e “quedou calado”, mentres que o alcalde de Vigo e o goberno local “farán todo o que sexa posible, quizá en solitario como outras ocasións”. Nesa liña defendeu que o rexedor “ten interlocución con todos os ministros” e “non parará ata conseguilo”, fronte a un presidente da Xunta que conseguiu “cero patatero” nese sentido.

“LAMENTABLE AGRAVIO”

Pola súa banda, o portavoz do PP, Alfonso Marnotes, criticou o “lamentable agravio” cara a Vigo por unha decisión “dolorosa” do Goberno central e sinalou que a Xunta nada tivo que ver e nada puido facer nesa decisión.

O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, tachou a exclusión de Vigo no proceso descentralizador do IEO de “decisión política”, xa que non se aclararon os criterios seguidos polo Ministerio para dar a Santander a sede da xefatura de Pesqueiras e Acuicultura. Así mesmo, instou ao alcalde ha esixir explicacións, xa que “ten tanta capacidade de chegar aos ministros”.

Finalmente, o BNG tamén criticou o “atropelo arbitrario” do Goberno coa sede viguesa do IEO, resultado de decisións que se toman “600 quilómetros mar dentro” e expuxo unha emenda á moción socialista para que todos os corporativos asumisen a declaración institucional validada por unanimidade polos grupos do Parlamento de Galicia en defensa das sedes galegas do organismo investigador. Con todo, esta emenda foi rexeitada.

ALTA TENSIÓN PARA STELLANTIS

Por outra banda, o pleno de Vigo tamén deu luz verde a unha moción socialista, cos votos favorables do grupo de goberno e o BNG, e a abstención de PP e Marea, para reclamar que se modifique a planificación de Rede Eléctrica Española e se inclúa a conexión de planta de Stellantis (e da área urbana da cidade) á rede de moi alta tensión.

O concelleiro Abel Losada, que foi o encargado de defender a proposta, argumentou que esa conexión dá resposta ás demandas dunha industria estratéxica para a cidade, a comarca e a comunidade, con gran capacidade exportadora e de creación de emprego e riqueza.

Así mesmo, puxo en valor o “compromiso” do alcalde da cidade de defender esa petición, algo que é “bastante garantía” tanto para o goberno local como para “centos de miles de vigueses” que apoiaron cos seus votos a Abel Caballero.

“LAVAR A CARA”

O portavoz do PP, Alfonso Marnotes, criticou que o PSOE presentase esta moción para “lavar a cara” tanto ao Goberno central como ao propio alcalde, ante un novo “agravio” a Vigo, aproveitando tamén para dar “unha labazada á Xunta”.

“Mentres Pedro Sánchez sexa presidente non haberá nada que facer, porque non cre na automoción (…) De novo dan as costas á automoción viguesa”, censurou, e criticou tamén que as condicións do PERTE do vehículo autónomo e conectado, por deixar fose as peticións de Stellantis.

Rubén Pérez Correa (Marea de Vigo) volveu a denunciar a “chantaxe” da multinacional automobilística e as súas “ameazas” de deslocalización para conseguir investimentos e vantaxes, e esixiu á empresa que aclare para que necesita a moi alta tensión, ou se será para “seguir precarizando o emprego, esquivar a reforma laboral, ou manter a represión sindical”.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, lembrou que a conexión demandada xa estivo na planificación co goberno do PP e “non se executou”, mentres que o PSOE optou directamente por non incorporala ás previsións de Rede Eléctrica. Así mesmo, advertiu de que os problemas do sector da automoción non pasan só pola alta tensión e que é necesario un “plan galego” para apontoar esta industria.

Dáse a circunstancia de que o Pleno de Vigo xa aprobou o mes pasado unha moción, nese caso do PP, para reclamar esa conexión, así como a construción dunha nova subestación eléctrica en Balaídos e melloras nas bases reguladoras do PERTE de automoción. A proposta nesa sesión aprobouse co voto favorable do PP, e a abstención do resto de grupos.

ÚLTIMAS

A RFEF convida a Vigo a “traballar xuntos” para optar a ser sede no Mundial de 2030

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) convidou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero,...

O acusado de asasinar a un okupa co que vivía di que non estaban enfadados e apunta a un cabreo con outro compañeiro

O acusado de asasinar a un okupa co que convivía en Vigo asegurou que...

O botulismo, causante da parálise en gaivotas segundo un estudo internacional, con participación do IEO de Vigo

n equipo científico internacional, con participación do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), identificou o...

O BNG leva ao Congreso rexeitar a prolongación da A-52 e liberar a AP-9 como “alternativa máis sustentable”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá este martes unha proposición non de lei...