InicioSociedadeAbsolto o pai acusado de ameazar a un profesor en Vigo que...

Absolto o pai acusado de ameazar a un profesor en Vigo que esixiu á súa filla porse máscara no colexio

O xuíz dictou sentenza "in voce" tras retirar o docente a denuncia ao saber que podían imporlle unha sanción económica de 1 a 3 meses ao denunciado.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado de instrución 4 de Vigo absolveu a un pai acusado dun delito leve de ameazas a un profesor, con quen tivo unha discusión por non permitir o docente que a súa filla entrase no colexio sen máscara o pasado 20 de abril, día en que se publicou o Real Decreto que deixaba sen efecto a obrigación de usar o cubrebocas en interiores.

Segundo a versión do denunciante, os feitos ocorreron á entrada do centro, cando o acusado acudiu coa súa filla, e o profesor, que estaba a vixiar a entrada dos alumnos, advertiulle de que non podería entrar ao colexio se non se puña a máscara.

No xuízo, o profesor relatou que, aínda que se publicou ese día o Real Decreto que exime do uso de máscara en interiores, o colexio non recibira aínda instrucións claras por parte da Consellería de Educación da Xunta, administración competente en materia educativa.

O docente explicou que, nese momento, o pai da alumna comezou a increpalo e a dirixirlle insultos como “atontado”, polo que o profesor optou por pechar o enreixado de entrada do colexio “ata que se acougase a situación”. A continuación, o pai ameazouno con “rebentarlle” a cabeza, motivo polo que denunciou os feitos ante a Policía Nacional.

Unha testemuña que prestou declaración, outro profesor do centro, corroborou a versión do denunciante, e explicou que foi requirido polo profesor para presentarse na entrada do colexio, onde comprobou que o pai “ameazou ao profesor”, chamouno “pallaso e atontado”, e xerou unha situación de “tensión”.

Así mesmo, confirmou que a dirección do centro estaba reunida nese momento, precisamente para saber como proceder co uso das máscaras e que, tras consultar con eles e coa Inspección de Educación, optouse por deixar entrar no colexio aos alumnos que non levasen máscara.

Pola súa banda, o acusado negou as ameazas, aínda que recoñeceu que se alterou ao negarlle o profesor a entrada á súa filla. “Díxenlle que non tiña obrigación de levar a máscara e pechoume o enreixado nos fuciños”, afirmou, aínda que matizou que non ameazou con “rebentarlle” a cabeza, senón que lle dixo “que estaba mal da cabeza”.

ABSOLUCIÓN

Finalmente, o xuíz dirixiuse ao denunciante para preguntarlle se desexaba que o pai fose condenado penalmente, o que suporía imporlle unha sanción económica de 1 a 3 meses, por unha cantidade conforme ás posibilidades do denunciado.

O profesor afirmou que non desexaba esa condena, polo que o maxistrado, ao retirarse a acusación, absolveu ao acusado, ditando sentenza ‘in voce’ na propia sala.

ÚLTIMAS

Abel Losada acusa ao PP de “mentir” sobre a seguridade en Vigo e defende a actuación policial en Cabral

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, cargou contra o Partido Popular tras...

Luz verde ambiental ao PERI da antiga fábrica de Álvarez en Cabral: deberá conservar a antiga fábrica e a cheminea

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres o informe ambiental estratéxico do...

Un operativo antidrogas en dúas casas de Vigo, unha delas okupada, remata con tres detidos

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo desarticularon un punto negro de venda...

Peinador opera “con normalidade” a pesar da folga de controladores

Os aeroportos de Vigo e da Coruña operan "con normalidade" este venres a pesar...