A Federación de Asociacións de Veciños ‘Eduardo Chao’ (FAVEC) de Vigo denunciou a “falta de democracia” do Concello de Vigo e asegurou estar a ser “sistematicamente boicoteada” en conto exprésase algunha opinión “contraria á alcaldía”.
Así o expresaron tras concentrarse na Praza do Rei viguesa este mércores durante a celebración do pleno do concello, onde quixeron chamar a atención pola “falta absoluta de comunicación” do goberno local co movemento veciñal.
Segundo expresaron nun manifesto, as asociacións de veciños non ten acceso “digno” á información pola “recorrente falta de transparencia” do Concello, polo que a participación veciñal “leva anos sendo unha cuestión moi dificultosa”.
Neste sentido, especificaron unha serie de problemas “graves” como as “enormes complicacións” para manexar a problemática habitacional da cidade, xa que foron prometidas unhas 6.000 vivendas protexidas que non se sabe “cando ou se serán realmente executadas”. Así, pediron un reforzo “inmediato” do persoal dos servizos sociais municipais, debido ao “gran colapso” dos mesmos.
“Tamén estamos a sufrir un abandono veciñal evidente en moitas parroquias. Por exemplo en Freixeiro, con 6.000 veciños, existe un muro municipal apontoado, e diversos outros problemas que seguen desatendidos, a pesar da insistencia por recibir apoio local”, lamentou a Favec.
Ao fío desta “desatención” veciñal, lembraron a “hermética” elaboración da PXOM, “sen contar cos movementos veciñais e sociais” e criticaron a “presión fiscal tan elevada” que se exerce sobre os vigueses. Entre outros temas, referíronse a a “insustentable” situación de Vitrasa, polo que se tivo que acudir á vía xudicial para “tentar que a xestión dun servizo tan importante para a mobilidade sexa sensata e razoable”.
“O papel local neste conflito é moi criticable e, para nós, denunciable. Estamos fartos de ter que acudir aos tribunais para tentar defender os dereitos lexítimos e básicos dos cidadáns“, engadiu.
Por todo iso, pediron ao goberno local que sexa unha institución “próxima” e que saiba “encaixar as críticas” e promover un movemento veciñal “contestatario e imparcial”.