InicioEconomíaVitrasa quere baixar os salarios e aumentar as xornadas do persoal

Vitrasa quere baixar os salarios e aumentar as xornadas do persoal

O comité rexeita a medida por ser un "atraco" a persoal e cidadanía, e insta a empresa a deixar a concesión.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A concesionaria do bus urbano de Vigo, Vitrasa, confirmou o inicio do procedemento para activar o ‘descolgue salarial’, o que leva a inaplicación do convenio colectivo e medidas de contención de custos, entre as que destaca unha rebaixa dos salarios e aumento de xornadas para 2022 e 2023.

A través dun comunicado, a empresa (que pertence ao grupo Avanza), lembrou o impacto que tivo a pandemia de Covid no sector do transporte de viaxeiros e, no caso da concesionaria do bus de Vigo, o descenso no número de usuarios levouna a unha situación “extrema” de desequilibrio económico, que obriga a adoptar medidas “temporais” de contención.

“Neste sentido, resulta moi difícil para Vitrasa comunicar que se atopa na necesidade de iniciar un proceso de inaplicación do Convenio Colectivo”, trasladou, e confirmou que xa puxo a decisión en coñecemento dos traballadores.

O proceso, engadiu a empresa, leva unha redución salarial, que non concretou, aínda que os sindicatos difundiron que a proposta pasa por rebaixar os soldos unha media do 30%, unha cifra que Vitrasa puntualizou que non é definitiva. Así mesmo, prevé un aumento de xornada para os anos 2022 e 2023, que tampouco concretou no seu comunicado.

As negociacións para alcanzar un acordo comezaron xa e a compañía insistiu en que se viu obrigada a este ‘descolgue’ polas circunstancias, e para garantir a súa “supervivencia” e a conservación do “pleno emprego”. “En calquera caso, as condicións dos traballadores de Vitrasa continúan sendo máis favorables que as do resto de empresas galegas do sector”, insistiu a concesionaria.

REDUCIÓN DE VIAXEIROS E CONFLITO LABORAL

Vitrasa lembrou que, desde o inicio da pandemia, o número de viaxeiros do bus urbano reduciuse nun 42% en Vigo durante 2020, e nun 36% durante 2021, o que se traduce en 16 millóns de viaxeiros menos. Ademais, apostilou a empresa, “a conflitividade vivida en 2021 tan só axudou a empeorar unha situación xa moi complexa”, en alusión ás mobilizacións e folga convocadas polo comité para reclamar a negociación dun convenio que mellore as súas condicións (regulación de descansos, redución da ‘sobrecarga’ de traballo, máis persoal, etc.)

A empresa defendeu que, a pesar dos problemas, seguiu prestando un elevado nivel de oferta de transporte, e mantivo as condicións do seu persoal “intactas”, tendo en conta que, desde xuño de 2020, xa non hai ningún traballador en ERTE. No entanto, ante a imposibilidade de recuperar o numero de viaxeiros previos á pandemia ou de alcanzar o equilibrio económico suficiente, xustificou a activación dese ‘descolgue salarial’.

CRÍTICAS DOS SINDICATOS

A CIG, que preside o comité de empresa de Vitrasa, criticou a decisión da empresa, que supón unha rebaixa salarial de case o 40% (o 30% proposto, ao que se suma o 6,5% do IPC non actualizado) en 2022 e de polo menos un 14% en 2023, e lembrou que o persoal xa perdeu poder adquisitivo pola negativa da concesionaria a negociar un novo convenio (o actual caducou a finais de 2020).

“Agora os traballadores vémonos ameazados por unha rebaixa salarial e de dereitos”, denunciaron desde o sindicato nacionalista, e apuntaron que Vitrasa xa recibiu fondos públicos para compensar as súas perdas pola pandemia, ademais do “canon anual” que lle paga o Concello para financiar as bonificacións dos billetes.

A CIG tamén censurou a intención da concesionaria de aumentar a xornada laboral anual en 86 horas, e de “modificar substancialmente a dinámica diaria de traballo, flexibilizando a xornada ao seu antollo”, e de non entregar parte dos uniformes aos empregados.

O sindicato, que lembrou que Vitrasa segue recortando liñas a pesar de falar de redución de viaxeiros, solicitou á empresa “que abandone a concesión”, xa que calquera empresario que encadease perdas millonarias por dous anos e a previsión de manter esas perdas “optaría por botar o peche”. “O que non é de recibo é pretender recuperar as perdas roubándolle aos seus traballadores”, resolveu.

Pola súa banda, o sindicato UGT tamén expresou o seu rexeitamento á decisión de Vitrasa, da que lembrou que non só se embolsou 5,5 millóns procedentes do fondo habilitado polo Goberno para paliar as perdas pola pandemia, senón que está a reclamar ao Concello uns 13 millóns de euros máis polas perdas derivadas da crise sanitaria.

Así mesmo, lembrou que, en plena pandemia, o goberno municipal de Vigo optou por prorrogar a concesión do transporte urbano, a pesar de que previamente anunciara un novo concurso para mellorar as condicións do contrato, e que a empresa leva anos obtendo “elevados beneficios”, á vez que censurou que xustifique o ‘descolgue’ pola pandemia, cando xa coñecía esa situación no momento en que se prorrogou a concesión.

“Se non están satisfeitos cos resultados económicos que perciben do servizo na actualidade, marchen e pechen ao saír”, proclamaron desde UGT, e advertiron de que non está disposta a negociar “un atraco contra os traballadores e contra a cidade de Vigo”.

ÚLTIMAS

( Vídeo) Un guerreiro celta que empequeneceu ao Barça

O multiinstrumentalista galego, Abraham Cuperio, actuou este sábado na previa do RC Celta -...

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...