InicioVigo e contornaVigoReigosa agarda máis candidatos a reitor da UVigo: "é bo verbalizar os...

Reigosa agarda máis candidatos a reitor da UVigo: “é bo verbalizar os desacordos”

O prestixioso investigador Luís Liz Marzán regresará ao centro vigués a ampliar a investigación sobre nanomateriais cun laboratorio.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o único que fixo pública a súa candidatura para revalidar o cargo, expresou este mércores a súa “esperanza” de que se presenten máis aspirantes a gobernar a institución académica porque “é bo verbalizar os desacordos e debater”.

Preguntado polos medios nunha rolda de prensa, Reigosa lembrou que o prazo para presentar candidaturas finaliza o venres (o día da votación é o 4 de maio) e non sabe se alguén máis se presentou. En todo caso, trasladou o seu desexo de que haxa máis dun aspirante. “É obvio que hai discrepancias coas decisións que toma o meu equipo, e sería san que houbese máis dunha candidatura e que se puidese debater”, sinalou.

Con respecto ao sistema de elección, Manuel Reigosa defendeu o modelo recollido nos estatutos da UVigo, que establecen que, no caso de que haxa un único candidato ou candidata ao cargo, deberase realizar igualmente unha votación. Para que o aspirante sexa designado debe ter máis votos favorables que negativos (permítese votar ‘non’), o que “reflicte mellor o sentir da comunidade universitaria”.

REGRESA O INVESTIGADOR LIZ MARZÁN

A Universidade de Vigo anunciou este mércores o regreso do catedrático Luís Liz Marzán, prestixioso investigador na área de biomateriais, recoñecido internacionalmente, e que volverá á institución académica viguesa para ocupar a cátedra a tempo parcial, montar un laboratorio e un equipo de investigación.

Así o explicou en rolda de prensa o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, quen lembrou que unha das prioridades do seu equipo de goberno é a investigación e a captación de talento. Nese sentido, sinalou que, con apoio económico da Xunta, a institución recupera a Liz Marzán, que traballará no Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) do campus vigués e colaborará en labores docentes, compatibilizando estas tarefas coa súa presenza no CIC biomaGune do País Vasco, onde foi director científico ata hai poucas semanas.

O propio Liz Marzán explicou que montará un laboratorio (estará listo a finais de verán) onde traballará cun equipo de persoal en formación para avanzar en liñas de investigación que xa ten abertas. Así, neste laboratorio avanzarase nas posibilidades biomédicas de materiais “que imitan á natureza (biomiméticos)”, nanomateriais “quirales” (que non teñen simetría de reflexión), etc. e nas súas aplicacións.

De feito, este catedrático de prestixio nivel mundial e que foi recoñecido, entre outros, co Premio Nacional de Investigación, traballa desde hai tempo co seu equipo no deseño de modelos celulares tridimensionais con sensores para aplicalos no estudo do comportamento dos tumores canceríxenos. Neste campo, xa realizaron avances destacados, dos que non quixo dar detalles porque están pendentes de publicación.

ÚLTIMAS

O crime de Lavadores terá que esperar: suspenden o xuízo contra o home acusado de matar a súa irmá a coiteladas no 2024

O xuízo polo asasinato de Mari Carmen, a muller que morreu a coiteladas en...

A Biblioteca do Estado en Vigo dá un novo paso: o Goberno acepta os terreos cedidos polo Concello

A futura Biblioteca do Estado en Vigo dá un novo paso administrativo cara á...

Un SMS que parecía do banco: así estafaron máis de 1,14 millóns de euros a 130 persoas nunha trama cunha detida en Vigo

Unha mensaxe no teléfono móbil, unha suposta transferencia bancaria fraudulenta e unha chamada urxente...

Vigo crea ‘A Navideña’, unha “Compostelana” que acredita a visita á cidade durante as festas

OO alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a creación de "A Navideña", un certificado...