A Xunta informou de que avanzou un paso máis na posta en servizo da estación de autobuses intermodal de Vigo co inicio das probas de circulación á espera de que o Concello habilite o acceso á AP-9. Este martes, a delegada territorial do Goberno galego na cidade olívica, Marta Fernández-Tapias, supervisou o comezo das probas, que estiveron coordinadas cos responsables técnicos da concesionaria do servizo, a empresa Monbus.
Así, comprobouse a correcta maniobrabilidade dos carrís de entrada e saída da praza da Estación, polos que chegará o 35% do tráfico, como os buses procedentes do Porriño, Redondela ou Baiona. Tamén se supervisou o posicionamento da rede de semáforos municipal e o espazo reservado para os portalóns nos accesos á terminal. O obxectivo era verificar a correcta operabilidade funcional destes elementos.
En cando á evolución das obras, Fernández-Tapias sinalou que seguen avanzando a bo ritmo, polo que a estación estará practicamente finalizada este mes de marzo. En todo caso, a delegada territorial indicou que non poderá entrar en servizo ata que o Concello habilite o acceso á AP-9.
Neste sentido, explicou que a intermodal viguesa conta con dous accesos, o da praza da Estación, cofinanciado pola Xunta e que xa está rematado, e o da AP-9, o cal a parte autonómica xa está terminada pero a obra que está a executar o goberno local aínda non, e é “fundamental” xa que enlaza coa autoestrada e subliñou que a estación non pode operar sen ese acceso.