InicioSociedadeDous detidos en Vigo por tentativa de homicidio tras cravar unha navalla...

Dous detidos en Vigo por tentativa de homicidio tras cravar unha navalla a dous mozos

O autor material ingresou en prisión e ambos teñen múltiples antecedentes

PUBLICADO O

- Advertisement -

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron dous veciños da cidade, de 35 e 36 anos de idade, ambos con múltiples antecedentes, como presuntos autores dun delito de tentativa de homicidio, tras atacar cunha navalla a outros dous mozos no exterior dun local de copas.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do pasado 22 de xaneiro, cando catro mozos (tres homes e unha muller veciños do Morrazo) se atopaban gozando dun concerto nun local de copas de Vigo.

Os mozos decatáronse de que se estaba producindo unha liorta no exterior do establecemento e saíron para intervir e evitar unha agresión. Durante a pelexa decatáronse de que unha das persoas sangraba abundantemente por unha man e lle caeu un teléfono móbil cunha funda transparente na que había un dólar dobrado.

As testemuñas recolleron o teléfono e, cando se dispuñan a devolverllo ao seu dono, foron increpados e ameazados por dous homes. Así, ao berro de “mátaos”, un dos homes achegouse a un das testemuñas e cravoulle unha navalla de grandes dimensións nun costado.

Un amigo da vítima achegouse a socorrelo e recibiu tamén unha puñalada, á altura do corazón, quedando tendido no chan. Nese momento, o autor material do ataque e o inductor fuxiron do lugar á carreira.

FERIDAS POTENCIALMENTE MORTAIS

Os dous mozos feridos foron atendidos nun primeiro momento polos seus amigos, que taponaron as feridas ata a chegada dos efectivos de urxencia sanitaria, que levaron aos dous a un centro hospitalario. Unha das vítimas recibiu puntos de sutura no costado dereito, e o outro no pectoral esquerdo, feridas que, segundo os informes médicos, “puideron causar a morte de ambos”, algo que se evitou “polo espesor da roupa que vestían”.

A Policía iniciou as pescudas para dar cos autores deste ataque, entrevistando as testemuñas e ás propias vítimas, que achegaron descrición física dos implicados. Os presuntos agresores foron recoñecidos a través de fotografías “sen ningún xénero de dúbidas”.

Unha vez identificados, a Policía realizou unha entrada e rexistro no domicilio no que viven os sospeitosos, e comprobaron que o presunto autor material dos apuñalamentos presentaba unha ferida na man esquerda, producida durante a liorta e que, ademais, utilizaba un teléfono móbil como o descrito polas testemuñas.

INGRESO EN PRISIÓN

O autor material do ataque é un home de 36 anos de idade, nacido en República Dominicana, con antecedentes policiais e orde de expulsión en vigor (que non se puido facer efectiva por protocolos sanitarios). Mentres, o inductor é un home de 35 anos de idade, de nacionalidade española, tamén con antecedentes.

Tras o seu paso por dependencias policiais, ambos foron postos a disposición do xulgado, que decretou o ingreso en prisión do autor das navalladas por dous delitos de homicidio en grao de tentativa. O outro detido foi posto en liberdade coa condición de investigado, e deberá presentarse semanalmente nos xulgados.

ÚLTIMAS

“Tiven que vivir na rúa dentro dun coche, co meu fillo menor de idade e dous gatos”, di unha estafada

Un estafador reincidente, condenado ata en tres ocasiones por casos similares, asegurou que descoñece...

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...