Os alumnos do segundo curso de Integración Social do Colexio Lareira de Vigo xunto coa Asociación Érguete presentaron este venres unha colección de once vídeos para previr as adiccións e o ciberacoso entre os menores.
Tal como indicaron nun comunicado, os mozos traballaron no proxecto durante un ano e agora os seus vídeos formarán parte do programa preventivo da entidade cos menores da cidade de Vigo e dos concellos de toda a provincia de Pontevedra.
“Queremos ser profesionais do ámbito social”, destacou Laura Rocha, unha das alumnas, quen explicou que a vocación e a ilusión de cambiar o mundo é o motor que está detrás desta iniciativa, que naceu como unha idea nas clases da profesora Alba Moraña e do curso de mediadores en prevención de adiccións que imparte a coordinadora de prevención na área de Vigo da Asociación Érguete, Marta Lloves.
Os once vídeos teñen o obxectivo de concienciar, axudar e achegar para conseguir unha sociedade mellor e están baseados, segundo explicou Óscar Domínguez, outro dos alumnos, en distintos aspectos que afectan os mozos.
A presidenta da Asociación Érguete, Carmen Avendaño, felicitou a todos os alumnos e destacou que eles son o futuro. “Con estes vídeos podedes romper o voso anonimato e aproveitar que sodes unha mocidade moi formada para dar visibilidade a estas problemáticas”, reivindicou.
