O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana anunciou este venres a aprobación do proxecto para repor os viarios da parroquia de Chapela, en Redondela, afectados as obras de ampliación da autoestrada AP-9.
Esta actuación, que conta cun investimento de 3,57 millóns de euros, está recollida na ‘addenda’ ao Convenio entre a Administración Xeral do Estado e a concesionaria Audasa, aprobada por Real Decreto 1359/2018, de 29 de outubro.
Entre as obras previstas están a adecuación e mellora dos camiños Penisal, Torreiro, Camiño da Igrexa e Pasán, mediante a reposición do firme, a disposición de beirarrúas, a creación de zonas axardinadas e senllas peonís.
Así mesmo, dotarase de continuidade ao Camiño da Igrexa ata a rúa Pasán, sendo necesario para iso ampliar a pasarela peonil de Chapela, que cruza a autoestrada AP-9; e proxéctase tamén a reordenación da sección transversal do paso superior sobre a autoestrada da rúa Pasán, para permitir a disposición dun itinerario peonil sobre o mesmo.
Por outra banda, adecuarase a contorna do IES Chapela, mediante a disposición dunha dársena para subida e baixada de estudantes que viaxan en vehículo privado, e que actualmente non dispoñen de espazo habilitado na avenida de Redondela para realizar esta operación.
O proxecto contempla tamén a ampliación do paso superior de Trasmañó, a reposición e mellora de Camiño Mouriño, e outras actuacións de integración ambiental, estética e paisaxística, e é compatible coa actuación de disposición de pantallas antirruído neste tramo, “cuxo proxecto se está desenvolvendo paralelamente”.
SATISFACCIÓN DA ALCALDESA
A alcaldesa de Redondela, a socialista Digna Rivas, expresou a súa satisfacción polo anuncio destas obras que, vén materializar “os compromisos que adquire o goberno de Pedro Sánchez”, e que “non quedan en palabras baleiras ou boas intencións, senón que se cumpren”.
“Dixemos que a reposición de viarias estaría solucionada no primeiro trimestre do 2022 eyahí estamos agora”, afirmou a rexedora, que puxo en valor o “incansable traballo e compromiso da Asociación de Veciños de Chapela e da Asociación de Afectados pola AP-9”.
