
A Deputación de Pontevedra puxo en marcha un ano máis a súa campaña en favor dos xoguetes igualitarios e non sexistas, cuxa imaxe xa pode verse nalgúns dos autobuses urbanos de Vigo.
A campaña foi presentada este xoves pola presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, e polo alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, nun acto no que se deu a coñecer ao personaxe principal desta iniciativa, ‘Talento’. Trátase dun personaxe que os nenos e nenas poden construír “máis aló do seu xénero”.
Segundo incidiu Silva, non se pode “caer” en regalar á cativada xoguetes “que marcan estereotipos” porque os xogos deben estar pensados para “imaxinar, gozar e ser felices”, en lugar de “non permitir aos nenos e nenas ser libres, creativos”. A imaxe de ‘Talento’ pode verse na parte traseira e nos laterais dos autocares das liñas H, que conectan co Hospital Álvaro Cunqueiro, e na L17. Ademais, 125 autobuses proxectarán nas súas pantallas interiores un vídeo da campaña, na que se ve a crianzas “xogando xuntas e xuntos”.
Carmela Silva puxo en valor este tipo de iniciativas para “cambiar a conciencia do conxunto da cidadanía”, especialmente nestas datas de agasallos do Nadal, aínda que avanzou que a campaña “vai estar todo o ano”. Precisamente, no marco desta acción de sensibilización, celebrarase un concurso coa participación de 216 centros educativos de primaria da provincia.
No certame, os nenos e nenas deberán crear a ‘Talento’ a partir dunhas cartolinas recortables. O premio para o gañador ou gañadora será poder facer un conto “cunha escritora e unha ilustradora recoñecidas”; e tamén haberá premios para o centro educativo, e dous accésit.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu a campaña da Deputación nos buses urbanos, e destacou o papel da presidenta da institución provincial como “referente en toda España nos procesos de igualdade“. “A revolución da Igualdade pospúxose de forma inxusta, pero agora xa é imparable”, sentenciou.