InicioEconomíaConvocadas concentracións en Vigo e A Coruña por un ferrocarril "público e...

Convocadas concentracións en Vigo e A Coruña por un ferrocarril “público e sustentable que vertebre Galicia”

Será o venres 22 de outubro nas estacións de tren de Vigo-Guixar e A Coruña-San Cristóbal.

PUBLICADO O

A Coordinadora Galega polo Tren Público Social e Sostible anunciou concentracións o vindeiro venres 22 de outubro nas estacións de tren de Vigo-Guixar e A Coruña-San Cristóbal para esixir un ferrocarril “público”, que “vertebre o territorio e que sexa sustentable co medio ambiente”.

Na rolda de prensa celebrada este mércores e convocada polo Sindicato Labrego Galego, a Coordinadora sinalou que estas concentracións se enmarcan en toda unha semana “de loita polo tren” que se desenvolve por toda España e que finalizará este domingo en Madrid cunha manifestación que arrincará da praza Tirso de Molina e finalizará na Estación de Atocha.

Os comparecentes instaron aos Gobernos estatal, autonómico e europeo a que cambien as súas políticas para colocar o ferrocarril “no primeiro eixo de importancia”, dados as múltiples “vantaxes” que podería ofrecer a Galicia. Segundo indicaron, e tendo en conta a “situación actual de emerxencia climática”, o tren é “vital” para “frear o cambio climático”, posto que é “medioambientalmente sustentable” e axuda á “descarbonización” do transporte.

Neste sentido, recalcaron que o lema das mobilizacións é ‘Por un ferrocarril que vertebre o territorio e arrefríe o planeta’.

“A Xunta fixo oídos xordos ata a data. Esperamos que decidan investir nun medio transporte vital para o cambio climático e para a mobilidade sustentable que garanta a igualdade”, aseverou Alberto Díaz, da Plataforma Defensa do Tren da Coruña.

A outra punta de lanza das reivindicacións da plataforma é o servizo público que, entenden, debe ofrecer o ferrocarril en Galicia co obxectivo de que “vertebre” o territorio. “Galicia é a única comunidade, xunto con Estremadura, sen núcleo de proximidade, o que representa un abandono do rural e da súa xente”, criticou Rafa Escudero, do Sindicato Ferroviario.

“A alta velocidade consumiu grandes investimentos públicos, ten un gran impacto ambiental e enerxético, e contribuíu ao illamento de infinidade de zonas rurais. Esta concepción do transporte afástase do papel de prestación de servizo público, de verebración do territorio e de equilibrio territorial que debe xogar o ferrocarril”, sinalou Escudero.

Así mesmo, o propio Sindicato Labrego remarcou que “os sucesivos gobernos do PP e do PSOE realizaron unha política de transporte ferroviario orientada á súa liberalización e privatización, destinando inxentes cantidades de diñeiro para facer a alta velocidade atractiva ás privadas e abandonando os investimentos nas liñas convencionais utilizadas polo 95% das persoas que usan o tren”.

A aposta por un modelo “errado” baseado nas estradas e o automóbil, no transporte privado, apuntan, repercutiu ademais na supresión “inaceptable” de moitos trens rexionais e unha acelerada deterioración de moitas estacións”.

REIVINDICACIÓNS

A plataforma publicou un manifesto no que se recollen 20 medidas para “potenciar o ferrocarril en Galicia”. Entre elas, redeseñar a oferta de servizos das empresas ferroviarias públigas para “garantir un sistema multimodal e cadenciado” que “integre adecuadamente os servizos rexionais cos de grandes distancias”; garantir o acceso universal ao tren a todos os usuarios, tanto en asequibilidade como en canto á eliminación de barreiras arquitectónicas; facilitar que os cidadáns viaxen coa súa bicicleta; así como a recuperación dos trens nocturnos e das circulacións e paradas suprimidas nos útlimos anos.

A plataforma tamén exhorta aos gobernos a impulsar o transporte de mercadorías, o Tren Transfronteirizo con Portugal; a protexer ás empresas públicas ferroviarias “con compensacións que permitan abaratar o prezo dos billetes”, paralizar os procesos de privatización e comprometerse a utilizar enerxías renovables.

Por último, instaron ás administracións competentes á creación dunha rede de trens de proximidade en Galicia coas seguintes liñas: Ourense – A Gudiña – Poboa de Sanabria; Ourense – O Barco de Valdeorras; Ourense – Ribadavia – Vigo; Ourense – O Carballiño – Santiago; Monforte – Lugo – Ferrol; A Coruña – Ferrol; Ferrol – Ribadeo; Vigo – Santiago – A Coruña e A Coruña – Lugo

ÚLTIMAS

Detido un home pola súa suposta vinculación co crime da maleta

A Policía Nacional detivo na mañá deste venres a un home pola súa presunta vinculación co...

Vigo rexeita o “caciquismo” do PP na deputación ao “censurar” a relatoras por “causas políticas”

O pleno de Vigo aprobou este venres, cos votos do PSOE e do BNG, unha...

O PPdeG anuncia a “reconstrución” do partido en Vigo “coas mans libres” dos militantes

A xunta xestora do PP de Vigo, presidida por Ana Ortiz, presentouse este mércores formalmente...

Seis adultos e tres nenos quedan atrapados no ascensor Halo, inaugurado o pasado 16 de febrero

Nove persoas, seis adultos e tres nenos, quedáronse atrapados no ascensor Halo de Vigo,...