A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, critica que a variante do AVE por Cerdedo, que permitirá a conexión directa entre Vigo e Madrid –sen ter que pasar por Santiago–, non conta con investimento nin cronograma, nun proxecto “sine die”.
A preguntas dos medios este martes, despois de que o estudo hidroxeolóxico confirmou a “idoneidade” do trazado, a conselleira reprobou o “acto inusual” protagonizado o pasado luns pola presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, no que “non dixeron o que preocupa”: “Non trasladaron o cronograma e os prazos concretos de cando se vai a pór en servizo o AVE por Cercedo”.
E é que lamenta que faltan diversos trámites como un estudo informativo, consultas a administracións, unha nova avaliación ambiental, ademais do cronograma, investimento e plan de financión.
“Constatouse e quedou claro que a variante do AVE por Cerdedo é un proxecto ‘sine die’, non ten data”, reprocha Ethel Vázquez no tocante a unha obra “atrasada indefinidamente”.
Paralelamente, demandou a Adif que “actúe na liña do Miño”, dado que “non é xusto” que presente un “estado lamentable” no Corredor Atlántico de mercadorías.
RECORTE DE LIÑAS
Este martes, a conselleira reuniuse en Santiago con representantes do sindicato CC.OO., que lle demandaron que “tome partido” polo ferrocarril público en Galicia e inste a Renfe a que repoña todos os servizos que había antes da pandemia.
Segundo CC.OO., actualmente só funcionan o 25% dos servizos de media distancia de ancho métrico, o 50% dos servizos de media distancia de ancho convencional e o 80% do eixo atlántico entre A Coruña e Vigo. Respecto diso, Ethel Vázquez censurou que “non se restituíron” os servizos ferroviarios en Galicia despois do levantamento do estado de alarma.
Sobre este extremo, lembra que a Xunta remitiu preto de “medio centenar” de peticións a Renfe e ao Ministerio de Transportes para trasladar esta problemática, pero a resposta obtida pasa por que as liñas se volverán a pór en función da demanda, o que considera un “círculo vicioso” porque “se non hai servizo de calidade, é imposible recuperar demanda”.
A modo de exemplo, advirte de que só circulan o 25% de trens que había antes da pandemia entre Ferrol e Ribadeo, así como o 25% dos trens entre Galicia e Portugal. Tampouco están restituídos a oferta de trens hoteis con Madrid e Barcelona, ademais de que non se realiza a parada en Vilagarcía no tren a Madrid. “Non podemos permitirnos dar un paso atrás”, avisa a conselleira, polo que a Xunta vai seguir ” dando a batalla”.
No tocante á petición que fará España e Portugal á UE para que destine fondos á alta velocidade entre Vigo e O Porto, Ethel Vázquez valora que, “por fin”, o Executivo central “se alíe” coas reivindicacións que realizaron “conxuntamente” a Xunta co Goberno portugués.
Nesta liña, avoga por traballar “conxuntamente” na solicitude de fondos europeos para a eurorrexión co fin de “fortalecer” a mobilidade internacional en materia ferroviaria.