O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este xoves a Feijóo de “mentir” sobre os fondos que a Xunta destina aos concellos e retouno a debater sobre as transferencias para paliar os efectos da pandemia, á vez que incidiu en que non pagou “nin un céntimo” a ningún dos 313 municipios da comunidade.
Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico referiuse a a interpelación que Gonzalo Caballero realizou nas últimas horas ao presidente galego durante a sesión de control no Parlamento, na que o líder dos socialistas acusou a Feijóo de “asfixiar” aos municipios. O presidente, pola súa banda, replicou denunciando que é o Goberno central o que “ningunea” aos concellos.
Abel Caballero denunciou que as palabras de Feijóo foron “unha nova mentira clamorosa” e criticou o sistema de financiamento da Xunta aos concellos. No caso de Vigo, explicou, o goberno galego “enviou do fondo de participación autonómica 6,2 millóns de euros”, mentres que o Concello olívico paga á Xunta en diversos conceptos (canon por saneamento e abastecemento, centros de días e escolas infantís, canon polo encoro de Eiras…) 6,6 millóns de euros.
A eses conceptos, engadiu o alcalde, hai que sumar o custo do centro CEDRO, que atende a persoas drogodependentes nun labor que “é competencia da Xunta”. Tendo iso en conta, o saldo “negativo” para o Concello de Vigo é de máis dun millón de euros.
Fronte a estas cifras, Abel Caballero recalcou que o Goberno de España transfire a Vigo, pola xestión de tributos, o fondo complementario e axudas de transporte, entre outras cousas, case 94 millóns de euros. “Os datos son irrebatibles. Falar é fácil, señor Feijóo, e vostede mente tanto”, proclamou o alcalde da cidade olívica.
Con respecto ás axudas para paliar os efectos da crise sanitaria, o rexedor socialista retou ao presidente da Xunta a “debater” sobre a súa repartición. Segundo asegurou, a Xunta recibiu máis de 1.400 millóns de euros do Goberno central e da UE, dos que Vigo (e o resto de concellos) recibiron “cero euros“, porque a administración autonómica non os repartiu entre as entidades locais.