O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este martes as principais actividades da campaña de Nadal 2021, na que non faltarán mercadillos, unha nora xigante, dúas pistas de xeo, animación pola rúa, trens turísticos, carruseis e outras “sorpresas” que o rexedor non quixo desvelar; todo iso coa expectativa de que a cidade recibirá “a millóns e millóns e millóns” de persoas.
Así o avanzou este martes o alcalde, que xustificou a presentación da campaña con tanta antelación porque as diferentes actividades e atraccións adxudicaranse por concurso público en varios ‘paquetes’, e deben publicarse as licitacións e seguir toda a tramitación administrativa. En todo caso, precisou, “o Concello non pagará nada”, e mesmo se algún licitador “paga”, será “benvido”.
Segundo explicou Abel Caballero, o Concello sacará a concurso un primeiro grupo de actividades, que incluirá a instalación dunha nora xigante, unha zona de lecer, unha rampla de xeo e un mercadillo con 50 casetas, así como iluminación, na contorna da Praza de Compostela.
Tamén sairá a concurso un mercadillo para a zona peonil do Calvario, así como actividades de animación; a instalación de dous carruseis (en Porta do Sol e en Praza de Independencia), un tren infantil en Progreso, atraccións recreativas na zona de Rosalía de Castro, unha pista de karts e unha de xeo en Samil, e outra pista de xeo na zona do Náutico.
O Concello licitará así mesmo o servizo de tres trens turísticos; e, noutro concurso, espectáculos e animación (atraccións en 3D, talleres, atraccións acuáticas, etc.) para os barrios de Teis, Bouzas, Travesas, Berbés, Praza Elíptica, Praza de Portugal ou Coia.
Finalmente, tamén sairá a concurso un ‘paquete’ de actividades de animación socio-cultural, que incluirá a posibilidade de celebrar concertos, animación de rúa ou mesmo “un circo de Nadal”.
NADAL “ESPECTACULAR”
Abel Caballero proclamou que a campaña do Nadal da cidade este 2021-2022 vai ser “espectacular”, e sinalou que todas estas actividades complementaranse coa iluminación do Nadal, o Belén monumental e outras “sorpresas” das que non quixo avanzar detalles.
“A miña expectativa deste Nadal en Vigo é de millóns, millóns e millóns de persoas (…) Vai ser espectacular”, proclamou, á vez que expresou a súa confianza nunha boa evolución da pandemia de Covid. “E é unha mensaxe que lle quero enviar a todo Vigo, Galicia e España, e a toda Europa, a toda América e Asia, porque estamos nese nivel: cando alguén di a palabra Nadal, o mundo pensa en Vigo”, sentenciou.