InicioSociedade"Juan Manuel López-Chaves" será o nome do albergue de peregrinos de Vigo...

“Juan Manuel López-Chaves” será o nome do albergue de peregrinos de Vigo pola súa difusión do Camiño

Ante a oferta dos veciños de San Miguel Oia de converter en albergue a antiga estación do tranvía de Canido, tamén en Vigo, o vicepresidente primeiro Alfonso Rueda sinalou que, de momento, a previsión é abrir o centro do Berbés e "esperar que siga crecendo" a demanda.

PUBLICADO O

O albergue de peregrinos construído pola Xunta no Berbés de Vigo, e que abrirá as súas portas o próximo verán, levará o nome de Juan Manuel López-Chaves, en recoñecemento ao seu labor de difusión do Camiño de Santiago e, en concreto, da vía portuguesa pola costa, desde a entidade Amigos dos Pazos.

Así o confirmaron este luns o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Turismo e Xustiza, Alfonso Rueda, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, nun acto no que participaron López-Chaves, varios dos seus familiares, e membros da asociación Amigos dos Pazos.

Alfonso Rueda lembrou que o Camiño Xacobeo converteuse no que é actualmente grazas ao “traballo serio e rigoroso” de, entre outras entidades, a asociación Amigos dos Pazos, e o seu empeño porque se recoñecesen as rutas, entre elas o Camiño Portugués e a súa variante pola costa, que atravesa a cidade olívica.

A este respecto, tras volver lamentar que o Concello de Vigo non permita a sinalización da ruta polas rúas da cidade, confirmou que o novo albergue estará operativo no verán, aínda que a data de apertura concretarase en xuño, xa que a súa posta en funcionamento será “coordinada” coa apertura doutros albergues e coa evolución da demanda.

Rueda sinalou que “xa ven moitísimos peregrinos” e algúns “están a empezar a saír desde os diferentes puntos” das rutas xacobeas. De feito, este pasado fin de semana seláronse en Santiago unhas 460 ‘compostelás’.

RECOÑECEMENTO

Pola súa banda, a delegada territorial do goberno galego, Marta Fernández-Tapias, recalcou que a decisión de pór ao albergue o nome de Juan Manuel López-Chaves é un recoñecemento “máis que merecido”.

López-Chaves agradeceu a “honra” de ver o seu nome no primeiro albergue público de peregrinos na cidade olívica e convidou a “reflexionar” sobre a achega das rutas xacobeas á sociedade actual, que sofre unha pandemia a nivel global. “É un alimento espiritual (…), os peregrinos ven a chegada a Santiago como un futuro esperanzador, e os españois tamén necesitan saber que, despois da pandemia, terán un futuro mellor”, proclamou.

SANCIÓN

Con respecto á sanción anunciada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, pola colocación dun cartel na fachada do albergue, o vicepresidente do goberno autonómico confirmou que a Xunta recibiu “dúas comunicacións: unha sobre a apertura do expediente sancionador e outra, que chegou despois, sobre a concesión da licenza de primeira ocupación”.

Así, os servizos xurídicos “están a estudar” a sanción que pretende impor o Concello por un suposto incumprimento de ordenanza municipal, e lamentou que “non ten moita explicación” que o goberno local “no canto de celebrar a apertura dun albergue na cidade, só preocúpase por un cartel”. “É unha mostra máis da relación de odio do alcalde co Camiño de Santiago”, resolveu Rueda.

Finalmente, ante a oferta dos veciños de San Miguel Oia de converter en albergue a antiga estación do tranvía de Canido, tamén en Vigo, Alfonso Rueda sinalou que, de momento, a previsión é abrir o centro do Berbés e “esperar que siga crecendo” a demanda. Se fose necesario, engadiu, poderíase estudar outro emprazamento para un novo albergue.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...