Os veciños de Torrecedeira manexan diferentes puntos de vista sobre o que está a acontecer no seu barrio. Este luns concentráronse co obxectivo de ser escoitados, facendo o maior ruído posible con cazolas, pandeiretas e todo tipo de pitos e percusións.
Algúns denuncian unha inseguridade cidadá alarmante, en parte causada pola pouca distancia á que se encontran o albergue e os comedores sociais, outros lamentan que a imaxe que reflicten os medios é especialmente negativa e podería danar o comercio do barrio. Por suposto, hai quen atopa concentracións coma a deste luns esaxeradas, e quen as entende como unha loita xusta e necesaria.
Outros defenden que o que está a afectar ao comercio son as constantes multas, tamén, aseguran, aos repartidores en funcións de carga e descarga. Algúns defenden solucións como crear un novo albergue que se coordine co que xa existe en Torrecedeira, posto que non dá abasto e segue durmindo moita xente na rúa ao quedarse fóra, outras voces, exaltadas, enfurecidas, falan de que todas estas persoas “deben ir á cárcere da Avenida de Madrid”. Se cadra, a solución debería partir do acercamento e non do odio.
Un acercamento que acusan ao alcalde de Vigo de eludir, posto que as asociacións veciñais tentaron reunirse con el sen conseguilo. Outros, en cambio, acusan a estas mesmas asociacións de agochar fins políticos en contra do rexedor vigués.
A realidade é que ao buscar en Google, ou mesmo neste mesmo medio, o termo Torrecedeira, os resultados que aparecen reflicten aspectos negativos. Comprarías hoxe un comercio no barrio?
Uns afirman ter medo, outros sentirse seguros, parecen coincidir en como os vándalos se ceban coas persoas anciáns, máis indefensas. Os roubos son máis ou menos frecuentes segundo a fonte, pero están. No quiosco, no bar, aos camiñantes pola rúa.
O problema de fondo parece ser en gran parte esa realidade agochada de Vigo, tantas persoas sen teito ou en situación de desamparo, moitos con problemas físicos ou psicolóxicos que ninguén parece disposto a tratar, pero reverten na conflitividade do barrio, que en poucos quilómetros cadrados atesora case a totalidade dos lugares sociais dos que Vigo dispoñe, os cales, por suposto, non dan abasto.
Son persoas que contan con índices de delincuencia superiores aos dos que teñen un lugar fixo onde durmir, tamén persoas a pesares de ser vistos como pertencentes a un mundo distinto do noso.
“Son cousas que se repiten e que en calquera momento poden suceder. Van aos vellos, se non lles dan diñeiro os insultan“, asegura. Para el, a solución sería descentralizar, crear outro albergue (sen eliminar o actual) noutra zona da cidade.
“É que está todo aquí. A Gota de Leite sería un sitio bo, pero non interesa claro, porque está preto do centro e afecta ao turismo. É unha pena que o alcalde non queira sentarse a falar. É unha pena o que está pasando. O outro día perdimos dúas persoas fantásticas, como clientes e como persoas…”, lamenta.
“Hai valiosísimas persoas na rúa, pero tamén xente conflitiva, e basta que sexa un…”, recoñece. Este home atopa o barrio “asediado, con multas constantes incluso por aparcar no sentido contrario á marcha con liña descontinua”, asegura como boa parte dos veciños. “E esas multas non se daban antes deste lío“, denuncia.
“Os veciños están cada vez máis cabreados. Non hai sitio para aparcar, paras un minuto para un recado e multa. E logo, podes ver intercambios de droga diante dos teus ollos, durante meses e meses, ninguén fai nada, e segue a conflitividade, mexan en calquera lado, roubaron o outro día no quiosco”, compara.
“Como non vamos ter problema, se hai máis de 200 persoas durmindo na rúa e no albergue caben 34, e moitos precisan un asesoramento e unha atención especializada que nunca terán?”, selou.