InicioEconomíaChamada á clase traballadora para "tomar de novo as rúas" de Vigo...

Chamada á clase traballadora para “tomar de novo as rúas” de Vigo este 1 de maio

Convocan por "unha saída galega xusta fronte á crise" da covid e porque "agora toca cumprir" a "débeda" cos cidadáns.

PUBLICADO O

A CIG, por unha banda, e UGT e CC.OO., por outro, chaman os traballadores galegos a “tomar de novo as rúas” este sábado 1 de maio, con senllas manifestacións centrais convocadas en Vigo e con lemas centrados no ano e dous meses de crise sanitaria pola pandemia de coronavirus e a súa afectación no mercado laboral e as condicións de vida dos cidadáns.

Así, AS tres organizacións sindicais con máis representación en Galicia volven convocar por separado, a CIG baixo o lema ‘Unha saída galega xusta fronte á crise’ –a súa marcha central sairá ás 12,00 horas da Dobrada, en Vigo– e UGT e CC.OO. porque ‘Agora toca cumpir. Un país en débeda coa súa xente traballadora’ –con mobilización desde as 11,30 horas no cruzamento de Vía Norte con Urzáiz–.

A CIG convocou, en concreto, 16 manifestacións e concentracións, que se desenvolverán entre as 11,30 e as 12,00 horas do sábado. As mobilizacións previstas por parte de UGT e CC.OO. son unha decena, entre as 11,30 e as 12,30 horas.

En rolda de prensa, o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, chamou a “saír a reivindicar unha saída xusta á crise” posto que “a pandemia está a ser aproveitada para que procesos que se estaban dando estean a significar importantes ameazas para a clase traballadora, dunha forma inxusta”, en referencia á transición ecolóxica e a dixitalización.

CRÍTICAS A GOBERNO CENTRAL E GALEGO

Ante o aumento do paro, a caída dos salarios e o incremento da precariedade e a “pobreza laboral”, Carril cargou contra o Goberno central de PSOE e Unidas Podemos ao asegurar que “segue actuando ao ditado de políticas neoliberais, disfrazadas de enorme propaganda” e “presentadas a través do diálogo social, esa secuela”. Respecto diso, acusounos de estar “a axudar ás contas das empresas” e a “que as elites económicas vexan a saída da crise dunha forma máis vantaxosa”, debido á “vixencia” das reformas laborais e das pensións, entre outras, que entende “inxustificable que sigan sen derrogarse”. Os expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE), pola súa banda, viunos “unha vía para que a clase traballadora estea sen futuro”, ao facerse “á carta”.

En canto ao Executivo autonómico, afeou ao popular Alberto Núñez Feijóo a “opacidade” con que se está traballando na captación de fondos europeos ‘Next Generation’, e asegurou que están “a ser un auténtico festín para os fondos de investimento” e “en absoluto” están a xerar “nin emprego nin industria”. Xunto a Carril, Susana Méndez animou os traballadores a responder na rúa “coa contundencia e combatividade que require a situación”. Pola súa banda, advertiu de que as mulleres “seguen pagando dobremente cada crise” e puxo o exemplo das traballadoras de hostalaría e do comercio, ou as dos sectores relacionados cos coidados.

UGT E CC.OO.

A continuación, noutra comparecencia ante os medios de comunicación, o secretario xeral de CC.OO., Ramón Sarmiento, avogou por “recuperar a presenza nas rúas” por parte da clase traballadora, nun punto no que “se está aproximando un momento crucial” para a saída da crise. Citou casos como o do sector financeiro, o da limpeza e o da conserva, para advertir de que o “esforzo da clase traballadora non merece estas formulacións do capital e das plataformas empresariais”.

Ao Goberno central, “máis aló do discurso”, urxiulle a tomar “decisións concretas” ao ver “necesario que se modifique xa a reforma laboral”. No tocante á Xunta, pediu que o terceiro plan de rescate fronte á crise da covid incorpore a cláusula de salvagarda do emprego “se queren contar” coa participación das organizacións integradas na mesa do diálogo social (UGT e CC.OO.).

Por parte de UGT, o seu homólogo, José Antonio Gómez, expuxo que “o xustifican en base ao decreto do estado, que dá pé a que estas axudas se dean só co compromiso de que se manteña a actividade”. No entanto, “en coherencia cos outros plans de rescate”, Gómez afirmou que o decreto estatal “permite esa modificación” para incorporar a cláusula, e dixo que “a consellería –de Emprego– quedou en velo”.

O responsable de UGT tamén cualificou de “imprescindible” a derrogación das reformas laboral e das pensións, así como a subida do salario mínimo interprofesional. Pola súa banda, lamentou que “se está ouvindo falar de baixar impostos e esa conta non dá”, á vez que interpretou que os fondos europeos “son unha esperanza, unha oportunidade, pero bótase en falta que neses pseudoproxectos non se fale para nada de emprego”. Por todo iso, finalizou, é “o momento de volver tomar as rúas”.

ÚLTIMAS

O TSXG anula o calendario laboral de 2023 do persoal de Ilunion en Stellantis, Benteler e Lear

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) anulou o calendario laboral de 2023 do persoal...

Terremoto de magnitude 1,8 en Vilaboa

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou un terremoto de magnitude 1,8 con epicentro na localidade pontevedresa de...

O aeroporto de Peinador suspende a súa actividade este luns ara finais de mes

O aeroporto de Peinador, en Vigo, suspenderá a partir do próximo luns, día 6 de maio,...

Sindicato de Inquilinas Vigo urxe vivenda pública e regular prezos ante a “alarmante realidade” dos desafiuzamentos

O Sindicato de Inquilina Vigo-Baixo Miño urxiu este venres a regulación dos prezos de aluguer...