InicioEconomíaO sector do metal na provincia irá á folga para defender o...

O sector do metal na provincia irá á folga para defender o convenio “nas rúas”

Aseguran que a patronal pretende "aproveitar a crise" para "precarizar aínda máis" ao sector.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os sindicatos do sector Metal da provincia de Pontevedra anunciaron este mércores a convocatoria de folga para o próximo 22 de abril, ante o bloqueo na negociación do convenio e a actitude da patronal, á que acusan de levalos á mobilización. “Imos pelexalo na rúa”, proclamaron. Así o avanzaron os portavoces de CC.OO., UGT CIG nunha asemblea celebrada na chaira da Laxe, en Vigo, na que participou máis dun centenar de traballadores, e que acabou con consignas chamando á folga e á mobilización.

O responsable de Industria de UGT, Rubén Pérez, sinalou que o sector leva desde finais de 2019 coas súas condicións “conxeladas”, e que a patronal pretende “aproveitar a crise” derivada da pandemia para “precarizar aínda máis” esas condicións. O portavoz de CC.OO., Celso Carneiro, lembrou que a patronal “se levantou da mesa de negociación” e “non quere que haxa convenio”. “Están a retarnos, e ímolo a pelexar na rúa”, afirmou, á vez que subliñou que o convenio do Metal de Pontevedra debe volver ser un referente, “non só para este sector, senón tamén para outros”.

Finalmente, o responsable de CIG Industria, Xulio Fernández, tamén denunciou que “desde o primeiro momento, a patronal quixo romper a negociación, ir á precarización”, polo que “chegou a hora” de dar “un salto cara a adiante” nas reivindicacións, coa convocatoria desa xornada de paro. “E se non lles chega, haberá máis días, terán que sentar (…), temos as razóns e a forza, e imos demostrala o 22 de abril”, proclamou.

20.000 TRABALLADORES

As negociacións do convenio do Metal de Pontevedra, que afecta a máis de 20.000 operarios na provincia, levan semanas paradas ante a imposibilidade de chegar a un acordo, aínda que inicialmente as partes pactaran buscar un documento “de transición” para dous anos.

Con todo, as diferenzas en cuestións como a actualización de salarios, a entrada de ETT nas empresas ou o modo de pagar as indemnizacións por finalización de contratos levaron a un punto de bloqueo. A patronal ve desproporcionadas as peticións económicas dos sindicatos no actual contexto de crise e incerteza, e a parte social acusa as empresas de utilizar a pandemia como escusa para empeorar as condicións dos persoais.

“SORPRESA” DA PATRONAL

A patronal do metal da provincia de Pontevedra trasladou a súa “sorpresa” e “certa indignación” ante a convocatoria de folga anunciada polos sindicatos para o próximo 22 de abril, medida á que trasladou o seu “rexeitamento absolutamente profundo” por considerala “desproporcionada”.

O portavoz da parte empresarial –Asime, Atra e Instaelectra–, Enrique Mallón, mostrou a súa “sorpresa” ante esta medida que xorde días despois de “a noticia de non realización de horas extra”, a cal dixo que “non está a ter moito éxito porque traballadores e empresas saben que agora mesmo hai que porse a traballar” para a recuperación do sector.

Mallón defendeu que as propostas da patronal “sempre foron razoables, sobre todo tendo en conta unha situación de crise, de redución do emprego e da facturación do sector metal non só na provincia de Pontevedra, senón en toda Galicia”.

Neste sentido, apuntou que espera que a parte sindical “sexa coherente” e “se de conta da situación actual de crise: pola pandemia, no caso da automoción cos microchips, na industria naval, nos talleres, nos instaladores eléctricos…“.

Unha declaración de folga non se compaxina cunha situación onde todos temos que estar xuntos para recuperar volume de facturación e de emprego”, remarcou. A colación diso, avanzou que o tres patronais reuniranse “de urxencia” e avaliarán a posibilidade de volver á negociación do convenio.

ÚLTIMAS

Unha persoa detida nun operativo antidrogas na contorna da rúa Aragón en Vigo

Polo menos unha persoa foi detida nun operativo antidrogas desenvolvido por axentes da Policía...

O Álvaro Cunqueiro, primeiro hospital de España en administrar terapia xénica para tratar a hemofilia B

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi o primeiro de España en aplicar, este mércores, a...

Caballero celebra a aposta do Goberno por Sparc: “Xa temos luz verde para a fábrica de microchips”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores a asignación de 17,2 millóns...

Protestas en Beade despois de tres días sen auga: “Con esta calor, non ducharse é noxento”

Veciños da parroquia viguesa de Beade denunciaron a situación que viven tras estar desde...