O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este martes á Xunta de Galicia “que diga o que hai que facer”, con instrucións claras dadas pola autoridade sanitaria no marco das medidas para frear a pandemia de COVID, e “que non dean opinións” porque “sementan o desconcerto”.
Así o manifestou o rexedor olívico nunha rolda de prensa na que criticou que, no goberno galego, “cada un di unha cousa”, en alusión ao presidente Núñez Feijóo, o vicepresidente Alfonso Rueda, ou o propio conselleiro de Sanidade, acerca das medidas restritivas con motivo da crise sanitaria. “Que digan o que hai que facer, e que non dean opinións, é lamentable (…). Que tomen decisións, que eu as vou a apoiar sen rechistar“, pediu.
O alcalde criticou que os cargos do goberno autonómico se dediquen a “dar opinións” porque “queren o seu minuto de gloria”, pero advertiu de que “sería bo que estivesen calados” porque “sementan o desconcerto” entre a poboación.
Abel Caballero fixo estas consideracións tras informar os datos de incidencia do COVID na cidade olívica. Segundo trasladou, segundo os últimos datos coñecidos (do pasado domingo), Vigo rexistrou nos últimos 14 días unha incidencia de 254,3 casos por cada 100.000 habitantes. “Desde hai 9 días, Vigo segue baixando”, celebrou, á vez que pediu manter a prudencia e seguir respectando as normas para frear os contaxios.
