InicioSociedadeO Concello de Vigo ofrece 7 millóns á concesionaria de dous parkings,...

O Concello de Vigo ofrece 7 millóns á concesionaria de dous parkings, que crebou en 2017

O goberno vigués presidido por Corina Porro adxudicou estes dous aparcadoiros subterráneos, a Puentes y Calzadas en maio de 2007, moi pouco antes das eleccións municipais tras as que Abel Caballero se proclamou alcalde.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo fixo unha proposta para liquidar o contrato coa concesionaria de dous aparcadoiros que acabou crebando, cunha oferta de 7,1 millóns de euros, segundo explicou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero.

O goberno vigués presidido por Corina Porro adxudicou estes dous aparcadoiros subterráneos, en Jenaro de la Fuente e Avenida Castelao, a Pontes e Calzadas en maio de 2007, moi pouco antes das eleccións municipais tras as que Abel Caballero se proclamou alcalde, á fronte dun goberno de coalición co BNG.

O contrato foi subscrito meses despois, pero non con esta empresa, senón cunha sociedade anónima unipersonal, Cocheiras Olívicas de Pontes, constituída expresamente para a xestión dos parkings. En 2012 a concesionaria solicitou resolver o contrato por problemas sobrevindos que lle impedían cumprilo, pero o Concello negouse.

Nos seguintes anos, a sociedade concesionaria atravesou unha serie de vicisitudes e acabou entrando en concurso e liquidación en 2017. Entón, a administración concursal dirixiuse ao Concello para que resolvese o contrato e a Xunta de Goberno local volveu negarse (aínda que o acordo foi anulado polos tribunais).

En 2018 a administración municipal acordou resolver ese contrato alegando o incumprimento por parte de Pontes e Calzadas, pero a empresa presentou recurso ante os xulgados de Vigo. En primeira instancia o seu recurso foi rexeitado e agora o TSXG deu a razón á empresa, entre outras cuestións, porque o incumprimento do contrato debía imputarse á concesionaria que o asinou, que foi Cocheiras Olívicas de Pontes.

PROPOSTA DE LIQUIDACIÓN

En calquera caso, o alcalde de Vigo confirmou que o Concello presentou unha oferta para liquidar o contrato e “resarcir” á empresa en 7,1 millóns de euros, aínda que dita proposta está en fase de alegacións, polo que a cantidade non é definitiva.

Abel Caballero atribuíu esta situación a que a concesión outorgada polo goberno do PP “resultou mal”, e o actual goberno local “está a pagar as herdanzas do goberno de coalición PP-BNG, porque houbo unha coalición de PP e BNG, que botaron a un alcalde socialista” (en referencia á moción de censura contra Ventura Pérez Mariño).

“Tamén pagamos 35 millóns polo auditorio, por un contrato que tamén adxudicou o PP, menos mal que nós o empequeñecimos”, proclamou o rexedor, en alusión ao rescate do Auditorio Mar de Vigo, cuxa concesionaria tamén entrou en concurso, a pesar de que o Concello lle ampliou a concesión en 2012 (por 25 anos máis) e compensouna con 5 millóns de euros.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...