Varios xulgados de Vigo e doutras localidades preparan senllas ordes internacionais de detención por cada unha das causas abertas contra o empresario vigués José Manuel Costas, dono de Las 5 Jotas e condenado no marco da maior trama de fraude fiscal mediante facturas falsas destapada en Galicia, unha vez que foi arrestado en Portugal despois de dous anos fuxido.
Estas requisitorias, que até agora eran ordes de procura de ámbito nacional, sumaranse á orde de procura e captura internacional que emitiu no seu momento o Xulgado do Penal número 3 de Vigo, que foi “o primeiro xulgado que tiña unha ejecutoria contra el“.
Así o confirmaron este luns fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que indicaron que entre a executoria e os procedementos abreviados, en xulgados de Vigo hai abertos uns 16 casos en contra de Costas.
Segundo explicaron estas mesmas fontes, por mor da detención do empresario o pasado venres en Portugal pola orde do Penal número 3, os maxistrados dos demais xulgados consultaron a situación e decidiron que “o máis conveniente” é emitir as ordes internacionais. Estas requisitorias serán remitidas a Portugal, para que un xulgado luso decida sobre a súa extradición.
No caso de que o xulgado portugués autorice a súa extradición para que volte a Galicia, o xulgado vigués que se ocupa da súa causa terá que pronunciarse, aínda que previsiblemente debe ingresar en prisión, tendo en conta que estaba condenado por unha fraude millonaria.
MACROCAUSA
José Manuel Costas é considerado o xefe da trama de Las 5 Jotas e, cunha condena firme de seis anos de cárcere, fuxiu antes de ingresar en prisión hai case dous anos, en xullo de 2016. A partir de aí, emitíronse contra el ordes de procura a través de Europol e Interpol.
Aínda que está relacionado directamente con case unha vintena de casos, nesta causa complexa e ampla por fraude millonaria a través de facturas falsas tamén están implicados familiares seus (o seu irmán está en prisión), outros empresarios e bancos. Así, a causa ten moitas pezas separadas e ao redor da trama celebráronse numerosos xuízos contra outras empresas.
De feito, a finais de xaneiro, o Xulgado do Penal número 3 de Vigo ditou auto nun procedemento derivado da macrocausa de Las 5 Jotas para o ingreso en prisión de Fernando G.M., responsable da consultoría Darzal, que foi condenado a 26 anos e medio de cárcere por un delito continuado de falsidade en documento mercantil, e delitos contra a Facenda Pública.