InicioSociedadeO claustro da UVigo aproba iniciar a tramitación que permitirá crear tres...

O claustro da UVigo aproba iniciar a tramitación que permitirá crear tres novas facultades

Serán as de Dirección e Xestión Pública, Deseño e Relacións Internacionais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O claustro da Universidade de Vigo (UVigo) aprobou instar o consello de goberno a iniciar os expedientes precisos para crear as facultades de Dirección e Xestión Pública, Deseño e Relacións Internacionais.

A sesión, que tivo lugar este venres nun formato que combinou a asistencia virtual e a presencial, foi a primeira do claustro que se celebrou desde o inicio da pandemia, segundo explicou a universidade.

Durante a mesma, apostouse pola creación dunha facultade de Dirección e Xestión Pública co obxectivo de incrementar a visibilidade das titulacións ligadas á administración, aínda que a sede manterase no edificio da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, en Pontevedra.

Mentres, a creación das facultades de Deseño e Relacións Internacionais foi motivada pola posta en marcha destas titulacións. Así, o novo Grao de Deseño e o Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda situaranse en antigas dependencias da Xunta na rúa Benito Corbal de Pontevedra.

A Facultade de Relacións Internacionais crearase para acoller unha nova titulación e exponse que se sitúe de modo inicial no Edificio Xurídico-Empresarial de Ourense.

ESCOLA DE TITULACIÓNS PROPIAS

Así mesmo, na sesión avalouse crear a Escola Aberta de Formación Permanente, que acollerá as titulacións propias da universidade e cuxa sede se situará no campus de Vigo. A profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación será a encargada da súa dirección e prevese que a súa oferta de cursos estea preparada en setembro de 2021.

Neste contexto, presentáronse o borrador do Plan Estratéxico 2021-2026 e o informe de Transparencia 2019. O novo plan articúlase en base á formación, a relación coa sociedade, a organización e os recursos, a investigación e a transferencia e as persoas. Ademais, fixa como valores a internacionalización, a defensa da igualdade e o fomento da lingua galega e alíñase cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e a Axenda 2030.

Do mesmo xeito, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, abordou as medidas adoptadas debido á pandemia, como a posta en marcha do Campus Remoto e a realización de probas PCR ao persoal da universidade, no marco da presentación do informe anual.

Ademais, o reitor avanzou que, tras unha reunión mantida coa Xunta este xoves, a universidade contará con máis financiamento para afrontar gastos derivados da pandemia.

O claustro tamén deu luz verde ao regulamento da Valedoría Universitaria, o nomeamento da nova presidenta do consello de estudantes e a adhesión da UVigo ao documento de apoio ás universidades públicas galegas.

A reunión completouse coa aprobación da incorporación ao clasutro de decanos e directores de centros e da creación dunha comisión de traballo para elaborar o Regulamento de Inspección da Universidade.

ÚLTIMAS

A Policía de Vigo mantén abertas todas as liñas de investigación polo incendio dun edificio en Cesáreo González

A Policía Nacional de Vigo investiga "con todas as liñas abertas" o incendio ocorrido...

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...