InicioSociedadeA Universidade de Vigo aposta pola prevención e inicia o novo curso...

A Universidade de Vigo aposta pola prevención e inicia o novo curso cos mellores datos de matrícula dos últimos 15 anos

O reitor cualifícao de «éxito extraordinario» e asegura que «o alumnado galego confía na UVigo».

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Universidade de Vigo arranca o curso 2020/2021 cos mellores rexistros de novos ingresos dos últimos 15 anos, tras ter superado a cifra de 3800 matriculas. Para o reitor, Manuel Reigosa, este incremento na matrícula de novo ingreso nas titulacións de grao ten varias explicacións, dunha banda, a situación de incerteza derivada da covid-19 que levaría o alumnado que pensaba en marchar a estudar fóra a quedar na casa, e doutra, «temos un factor diferencial porque as cousas, sen presumir, se fixeron ben durante o pasado curso, no que resolvemos sobre a marcha unha situación de paso abrupto desde a normalidade con presencialidade total, ata unha situación en liña que se fixo ben. Polo tanto eu creo que hai moita xente que confía na Universidade de Vigo e o éxito está aí». A estes factores, o reitor engade un terceiro que é que a programación deseñada para este curso aposta pola máxima presencialidade, con titulacións impartidas integramente nesta modalidade, agás que haxa algún problema, en cuxo caso as alternativas xa están previstas. «Este é un compromiso co noso alumnado e eu entendo que a xente está satisfeita e tranquila. A xente pode confiar na Universidade de Vigo para desenvolver a súa carreira mesmo en tempo de covid», destaca Reigosa, para quen os datos rexistrados evidencian unha realidade: «que o alumnado galego apostou pola Universidade de Vigo».

PROBAS PCR AO PERSOAL, UNHA APOSTA POLA PREVENCIÓN

Para seguir reforzando esa confianza depositada na institución, a Universidade de Vigo puxo en marcha a realización de probas PCR ao seu persoal, incluíndo o persoal de administración e servizos, o docente e investigador e todas as demais modalidades de investigación (de predoutoramento, con financiamento de Xunta de Galicia ou do Estado etc.).

O procesamento das máis de 2300 probas realizadas, empregando un innovador test masivo PCR sobre saliva baseado no sistema pooling desenvolvido na Fundación Biomédica Galicia Sur e no Hospital Álvaro Cunqueiro, non detectou a aparición de positivos por covid-19. O resultado definitivo foille comunicado pola microbióloga do Servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, Sonia Rey, ao vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés. «Estamos moi satisfeitos, tanto pola participación, como polos resultados. Isto amosa que o persoal da universidade intenta, dentro das súas posibilidades, ser responsable coa situación na que nos atopamos», sinala o responsable covid da UVigo ao tempo que asegura que «agardamos que este tipo de medida, tanto no caso do persoal, como no dos próximos tests do alumnado, sirvan de apoio á Consellería de Sanidade no seu complicado traballo diario».

En palabras do equipo de goberno, a resposta do persoal da institución foi «tremendamente positiva». En total foron 2303 os traballadores e traballadoras  que entregaron as probas, o que supón un 79,1 % das persoas convocadas.

TRAS A AVALIACIÓN INICIAL REALIZARANSE 200 PCR ALEATORIAS POR SEMANA

Tras esta avaliación inicial de todo o persoal universitario, o equipo de goberno ten previsto levar a cabo un seguimento periódico que se prolongará durante todo o curso e no que en todo momento se seguirán as recomendacións das autoridades sanitarias. A idea é realizar un total de 200 PCR aleatorias por semana, neste caso centradas principalmente no alumnado. Neste sentido, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, ten reiterado en diferentes ocasións que serán probas «moi flexibles» que se adaptarán á situación sanitaria que haxa en cada momento.  «Se ben en principio son test aleatorios poderán concentrarse nun único centro se as circunstancias así o recomendan porque previamente se detectase algún caso positivo nese lugar e, nesa situación, podería incluírse tamén o PDI e o PAS dese centro», subliña Míguez.

ÚLTIMAS

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...

Detido un home en Vigo por saltar unha orde de afastamento dunha muller coa que foi sorprendido discutindo na rúa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de...

Un accidente na Ponte de Rande provoca retencións na AP-9

Un accidente na ponte de Rande provoca retencións na autoestrada AP-9 en dirección Pontevedra,...

Deteñen un home en por presunta agresión á súa nai octoxenaria

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, A.I.R., de...