InicioSociedadeDetectan unha droga en bebidas usada para roubar a homes tras citarse...

Detectan unha droga en bebidas usada para roubar a homes tras citarse mediante unha ‘app’

O acusado dos feitos enfróntase a unha petición de 24 anos de cárcere nun xuízo que se celebra en Vigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Unha análise detectou unha droga con efectos hipnóticos (inductores do soño), o lorazepam, en bebidas achadas en domicilios de homes aos que roubaron tras citarse por unha ‘app’. Así o detallaron profesionais da Policía Científica e peritos de toxicoloxía este venres nunha vista celebrada na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

Na causa, un acusado de fornecer unha substancia que provocaba somnolencia a cinco homes cos que se citou en Vigo, Pontevedra, Santiago e Celanova (Ourense) en 2019 para roubarlles, M.A.D.S., enfróntase a 24 anos de prisión. Tamén se piden tres anos de cárcere para o seu compañeiro de piso, I.G.F., ao que se achaca un delito de receptación.

Durante a súa intervención, profesionais da Policía Científica sinalaron que se atoparon restos de lorazepam nun de dous vasos achados nun domicilio de Pontevedra no que se atoparon un dos presuntos prexudicados e M.A.D.S. Con todo, explicaron que a pequena cantidade de líquido presente no vaso non permite coñecer cal foi a dose da substancia administrada.

Axentes que traballaron no caso indicaron que noutra das vivendas nas que se cometeron os supostos roubos interviñéronse un vaso de tubo, unha botella de alcol e dous botes de cervexa, así como que se acharon restos de lorazepam nun destes últimos.

“UTILIZADA PARA COMETER DELITOS”

Na súa comparecencia, un dos axentes destacou que esta substancia foi catalogada como “unha das utilizadas para facilitar a comisión de delitos como agresións sexuais ou roubos” por parte da ONU. Respecto desta benzodiacepina, varios forenses concretaron que adoita utilizarse como tratamento para a ansiedade ou o insomnio dados os seus efectos.

Así mesmo, declarou unha médica dun centro de saúde de Vigo que atendeu a un dos presuntos prexudicados o día despois de que se atopase co principal acusado na cidade olívica. Esta facultativa explicou que esta persoa respondía “de forma lenta” e presentaba “unha lixeira diminución das súas facultades mentais”.

Os peritos de toxicoloxía que elaboraron unha pericial sobre cinco mostras de sangue e unha de ouriños tamén sinalaron que se detectou unha presenza menor de 0,05 miligramos por litro en sangue de lorazepam nelas. Tamén recalcaron que o feito de que estas mostras se tomasen no hospital a unha das vítimas 14 horas tras a suposta toma da sustancia inflúe na cantidade da mesma presente no corpo.

Adicionalmente, forenses que entrevistaron a dous dos prexudicados e analizaron os informes recibidos concluíron que os síntomas que presentaron cando recuperaron a consciencia (ao día seguinte de atoparse co principal acusado) poden achacarse ao consumo da substancia apuntada. Ademais, unha das médicas apuntou que as consencuencias do seu consumo preséntanse entre 30 e 240 minutos despois.

En concreto, o xuízo deu comezo este xoves, cando o principal acusado recoñeceu cometer parte dos roubos que se lle achacan, pero negou ter drogado ás supostas vítimas.

Mentres, os prexudicados aseguraron non lembrar o ocorrido as horas seguintes a atoparse con esta persoa e consumir bebidas. A vista continuará o próximo 1 de outubro, cando comparecerán axentes que traballaron na investigación.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- O gran showman de Vigo

Aos seus 77 anos en Vigo existe un showman ao cal, despois de varias...

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...