InicioSociedadeManifestacións en Vigo e toda Galicia "para recuperar os dereitos perdidos polos...

Manifestacións en Vigo e toda Galicia “para recuperar os dereitos perdidos polos traballadores”

PUBLICADO O

Miles de persoas manifestáronse este martes en distintas localidades de Galicia, convocadas pola CIG nunha “xornada de mobilización nacional” para esixir a “recuperación de dereitos” e o fin da precariedade.

En Vigo, a marcha, que partiu do cruzamento da Dobrada, percorreu a céntrica rúa Urzáiz encabezada por unha pancarta co lema ‘É a hora de recuperar os nosos dereitos. En Galicia, empregos, salarios e pensións dignas’.

Durante a protesta, os participantes corearon consignas como ‘Feijóo cacique, Galicia non te admite’ e ‘Dereitos conquistados non poden ser roubados’. A mobilización terminou no Farol do inicio da rúa Príncipe, onde o secretario comarcal do sindicato nacionalista, Alberte Gonçalves, leu un manifesto.

Segundo proclamou, “non caben máis esperas” nin “tempos de cortesía” e “é agora o momento” de que a clase traballadora recupere os dereitos perdidos nos últimos anos. Gonçalves lembrou que a CIG convocara unha folga xeral para esta xornada, concibida como unha “moción de censura” ás políticas do goberno de Rajoy, e que finalmente houbo unha moción de censura no Congreso e o PP “foi desaloxado”.

“Pero que ninguén se equivoque, nin todo o problema era o PP, nin a saída de Rajoy resolve nada por si mesma“, advertiu, e proclamou que os problemas dos traballadores “non se resolven cun cambio de caras”, senón cunha “viraxe radical” das políticas sociais, económicas, laborais e industriais.

O secretario comarcal da CIG en Vigo subliñou que hai “mínimos irrenunciables”, como son a derrogación das reformas laborais, da reforma das pensións ou da ‘lei mordaza’, ademais do indulto aos traballadores Carlos Rivas e Serafín Rodríguez (condenados a tres anos e medio de prisión pola súa participación nun piquete en 2008).

NOVO GOBERNO

Alberto Gonçalves apuntou que “non hai ningún motivo para confiar” no novo goberno de España, e que a elección de ministros “de claro fondo reaccionario” non ofrece “motivo de esperanza, senón de preocupación”.”A saída de Rajoy provocou expectativas, pero tamén coñecemos ben ao PSOE”, sentenciou.

Nesa liña, aseverou que a CIG “non dará tregua” ao novo Executivo, e chamou a seguir mobilizándose e “presionando” para que o goberno de Pedro Sánchez senta o seu “alento na caluga”.

“Non é momento de baixar a garda nin de retroceder (…), cando decidimos suspender provisionalmente a folga xeral non desactivamos nada”, recalcou, e advertiu de que o paro se reactivará “se non hai cambios claros”.

Baixo o lema “Xa é hora de recuperar os nosos dereitos”, a CIG mobilízase este martes nas sete cidades e as principais localidades galegas para esixirlle ao novo Goberno do Pedro Sánchez pasos firmes para a derrogación e anulación de todas as reformas antiobreiras e antisociais impostas so pretexto da crise.

Incendios
Pedro Sánchez, Gonzalo Caballero e o alcalde de Nigrán dan unha rolda de prensa en Chandebrito despois de visitar a vila arrasada polos incendios / MiguelNuñez

“Xa non valen os xestos, non valen as escusas da falta de respaldo parlamentar para non derrogar a reforma laboral. De igual maneira que se chegou a un acordo para poñer fin ao Goberno do PP, teñen que conseguir a correlación de forzas necesarias para o cambio de políticas, porque senón estaremos ante un grande engano e unha fraude”.

Así de contundente se pronuncia o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na manifestación da Coruña e insta a manter viva a loita social “porque os dereitos non veñen do diálogo social nin os concede ningún goberno alegremente”. E ante a expectativa xerada polas mudanzas na Moncloa, advirte do perigo de caer na trampa dos xestos baleiros.

Unha expectativa que, subliña, é máis froito dun desexo de cambio “que das actuacións reais do novo Goberno, que xa comezou a desdicirse do que prometeu sobre a reforma laboral”.

Refírese así o secretario xeral da CIG ás declaracións realizadas polo presidente do Estado e a súa equipa, asegurando que non van botar abaixo a reforma laboral por falta de apoio parlamentario, “cando hai un mes dicían que sería unha das primeiras medidas a tomar”.

Buscar a correlación de forzas necesaria

Pregúntase que postura vai adoptar o PSOE ante a morea de proposicións de lei que contemplan a supresión de moitas das reformas, que levan meses aprobadas e que o PP tiña paralizadas.

A este respecto reitera que “non valen reformiñas nin maquillaxes”, que Sánchez debe buscar a correlación de forzas necesaria para o cambio de políticas ou, do contrario, estaremos ante unha moción que é unha fraude. “Porque a reforma laboral debe ser totalmente derrogada e se non o fan é porque están de acordo con ela“, acusou.

Neste senso, o secretario xeral da CIG recorda que o Partido Socialista “é responsábel e causante dalgúns dos recortes que tanto dano fan á clase traballadora e que a chegada do PP ao Goberno de Madrid, multiplicou”. Tal é o caso da reforma laboral de Zapatero de 2010 (contra da que se convocou folga xeral) ou a reforma das pensións de 2011.

 

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal...