A Autoridade Portuaria de Vigo pospuxo a votación sobre a recuperación da concesión do estaleiro Factorías Vulcano, que se atopa en liquidación.
A votación figuraba entre os puntos da orde do día para a sesión deste venres do consello de administración, pero foi atrasada días despois de oporse a esta decisión os sindicatos e Asime. Deste xeito, o presidente do Porto, Enrique López Veiga decidiu pospor a decisión sobre a concesión, que, en principio, expiraba en 2027, a un novo consello cuxa data non foi definida.
En concreto, a Presidencia da Autoridade Portuaria buscaba propor ao seu consello de administración que aprobase a recuperación da concesión despois que o Consello de Estado considerase que se atopaba extinguida.
Esta situación prodúcese tras ser aceptada a oferta de Mariña Meridional para adquirir as instalacións de Vulcano por 7,85 millóns de euros por parte do Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo. Nun auto, o xuíz instou á sociedade a realizar o abono correspondente o próximo 22 de setembro e remarcou que unha sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra avalou que a venda da unidade produtiva incluía a concesión administrativa.
Mentres, a Avogacía do Estado, en representación do Porto, presentou alegacións ante o Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra con data do 17 de xullo. Deste xeito, chamábao a trasladar a Mariña Meridional “a alta probabilidade” de que a concesión “non poida formar parte dos activos a adquirir, por extinguirse” e “co fin de que non poida alegarse ignorancia de tal extremo en caso de continxencias adversas aos seus intereses”.
No documento, sinalou que se atopa en tramitación un procedemento administrativo para declarar a extinción da concesión, na que “conveñen” senllos informes da Avogacía do Estado en Pontevedra, a Avogacía do Estado no Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e o Consello de Obras Públicas.
Así, afirmou que o procedemento só dependía do ditame do Consello de Estado, ao que se lle trasladou a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Ademais, avanzou que a Presidencia da Autoridade Portuaria proporía a aprobación da extinción da concesión se o Consello de Estado era favorable á mesma e non manifestaba que a sentenza da Audiencia Provincial constituíse un obtáculo. Precisamente, a pasada semana este órgano considerou extinguida a concesión, polo que estaba previsto que este venres se sometese a votación a súa recuperación.