InicioPolíticaAbel Caballero celebra a condena a Audasa e reclama a gratuidade da...

Abel Caballero celebra a condena a Audasa e reclama a gratuidade da AP-9 tras a sentenza sobre as peaxes de Rande

O alcalde de Vigo considera que a resolución xudicial confirma que a cidadanía pagou “indebidamente” durante as obras na ponte entre 2015 e 2018

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou este sábado a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que condena a Autoestradas da Atlántico S.A. (Audasa) a devolver as peaxes cobradas durante as obras de ampliación da ponte de Rande entre os anos 2015 e 2018.

Nun audio remitido aos medios de comunicación, o rexedor cualificou a resolución como “unha máis que se suma a todas aquelas accións da AP-9 danando á poboación da cidade de Vigo e de toda Galicia”. A decisión xudicial refírese ao período no que se executaron traballos na infraestrutura e no que, segundo o fallo, se mantiveron os cobros a pesar das afeccións derivadas das obras.

Caballero aproveitou a súa intervención para reiterar a súa demanda de supresión das peaxes na AP-9 no seu percorrido completo, desde Tui ata Ferrol. Ao seu xuízo, a veciñanza está a asumir un custo que non lle corresponde: “A cidadanía está a pagar indebidamente”, afirmou, engadindo que “cada vez os tribunais vano recoñecendo”.

O alcalde insistiu en que a vía vertebra Galicia de sur a norte e que o seu réxime concesional supón unha carga económica para milleiros de usuarios e usuarias que a empregan a diario.

CRÍTICAS Á PRÓRROGA DA CONCESIÓN

Na mesma intervención, Caballero solicitou “censura” para o expresidente do Goberno central José María Aznar, quen aprobou a prórroga da concesión da autoestrada ata o ano 2048. “Cando Aznar prorrogou a concesión, fíxolle a este país un dano irreversible”, manifestou.

A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña abre agora un novo escenario xudicial arredor da xestión e das condicións de explotación da principal vía de alta capacidade de Galicia, nun contexto no que continúan as demandas políticas e sociais sobre o seu modelo concesional e o futuro das peaxes.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...