InicioSociedadeO Concello prorroga 5 anos a concesión de bus pola "incerteza" do...

O Concello prorroga 5 anos a concesión de bus pola “incerteza” do COVID e para garantir o servizo

Un estudo económico para a nova concesión, baseado nun número de viaxes por ano, fíxose nunhas condicións que agora, a crise derivada da pandemia "rebentou". "A nosa posición era non prorrogar, pero o COVID tivo un enorme impacto", xustificou.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo aprobou nunha xunta extraordinaria a prórroga, por 5 anos, da concesión á empresa Vitrasa do servizo de bus urbano, unha decisión que xustificou pola “incerteza” xerada pola pandemia de coronavirus e polo “risco” de que, se se convoca un novo concurso e non se presentan empresas, poida quedar a cidade sen ese “servizo esencial”.

Así o explicou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, quen lembrou que o seu goberno anunciou, a finais de 2018, que non se aplicaría esa prórroga e que se elaboraría un novo prego para sacar o servizo a concurso. “Pero a pandemia e o estado de alarma tiveron unha enorme incidencia no transporte público“, sinalou, e lembrou que, nestas semanas, a demanda de viaxeiros no bus urbano de Vigo baixou “en máis dun 90 por cento”.

Segundo sinalou, a pesar de que, no mes de marzo, “xa estaba todo preparado” para convocar un novo concurso (o contrato de Vitrasa data do ano 1994), a “incerteza sobre a viabilidade económica do novo contrato”, “fai aconsellable” prorrogar a concesión actual. “A prórroga é a defensa dos intereses da cidade”, proclamou.

A ese respecto, indicou que o estudo económico para a nova concesión, baseado nun número de viaxes por ano, fíxose nunhas condicións que agora, a crise derivada da pandemia “rebentou”. “A nosa posición era non prorrogar, pero o COVID tivo un enorme impacto“, xustificou.

Así mesmo, Abel Caballero afirmou que, de continuar con licitación, o Concello podería toparse cun escenario no que ningunha empresa concorrese. “E que facemos? O risco é quedarnos sen o servizo”, sentenciou, e defendeu que a decisión conta co aval do interventor e do resto de técnicos municipais.

PRÓRROGA POR 5 ANOS

Por todo iso, o alcalde explicou que se decidiu prorrogar por 5 anos, tal e como se establece no contrato, esta concesión que, cada ano, supón un desembolso de entre 12 e 13 millóns de euros por parte das arcas municipais, para sufragar as bonificacións que se aplican aos viaxeiros sobre a tarifa (de 1,35 euros por viaxe actualmente).

Segundo indicou Caballero, aínda que esa ampliación da concesión sexa de 5 anos, pódese “negociar” coa empresa para acurtala e, no seu caso, licitar de novo o servizo cando se teñan máis certezas sobre a situación e as consecuencias da pandemia.

O alcalde, que descartou de plano a municipalización do servizo de bus urbano, sinalou que as condicións da prórroga serán as que actualmente están vixentes no contrato, coas modificacións realizadas ao longo dos últimos anos.

Isto supón que, do mesmo xeito que ata agora e “como ocorre noutras cidades”, o Concello terá que seguir compensando á concesionaria se o servizo entra en desequilibrio económico. “Perdendo diñeiro, ningunha empresa presta o servizo”, explicou o rexedor.

FONDO DE COMPENSACIÓN

Por outra banda, Abel Caballero lembrou que, na súa comparecencia como presidente da FEMP ante a Comisión de Reconstrución Social e Económica do Congreso, reclamou fondos para que as entidades locais axuden nese proceso de reconstrución, entre esas axudas, un fondo de 1.725 millóns para paliar as perdas do transporte público.

O alcalde, que non quixo concretar cales foron as perdas de Vitrasa durante o estado de alarma (aínda que na súa comparecencia cifrounas nun millón de euros mensuais), garantiu que o Concello “pelexará cada céntimo” da indemnización que reclame a concesionaria. No entanto, advertiu de que as perdas “van ser impresionantes”.

ÚLTIMAS

O ‘stolpersteine’ de Jaime, asasinado en Mauthausen. Cando a memoria tropeza coa pedra da historia

O Concello de Nigrán colocou este xoves un 'Stolpersteine' en memoria de Jaime Martínez...

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...