InicioSociedadeInvestigarán os cambios climáticos do Pleistoceno en Galicia

Investigarán os cambios climáticos do Pleistoceno en Galicia

Os reultados mostraron que as comunidades macrobentónicas experimentaron cambios durante o cambio climático e que os mesmos variaron de acordo coa súa posición respecto da costa.

PUBLICADO O

Investigadores da Universidade de Vigo (UVigo), a Universidade de Granada e a Royal Holloway University of London estudan as consecuencias dos cambios climáticos abruptos rexistrados no Pleistoceno na fauna que habitaba nese momento unha depresión submarina de máis de 3.000 metros de fondo que se estende a uns 100 quilómetros da costa galega, a Conca Interior de Galicia.

Segundo precisou a universidade nun comunicado, este traballo representa a continuación dun estudo realizado polo investigador da Universidade de Vigo (UVigo) Anxo Mena no marco da súa tese doutoral. Mediante esta, abordou as consecuencias destes feitos en microorganismos mariños, como o plancto.

Precisamente, Mena e o que fose director da súa tese, Guillermo Francés, participan na nova investigación xunto ao profesor da Universidade de Granada Francisco Javier Tovar, que a lidera, e o investigador da Royal Holloway University of London Javier Dorador. Así, o traballo foi recollido esta semana pola revista científica Global and Planetary Change.

En concreto, o artigo aborda como os cambios climáticos abruptos rexistrados no Pleistoceno, denominados Eventos de Heinrich, desprazaron ata latitudes de Galicia grandes cantidades de icebergs e cambiaron as comunidades macrobentónicas, así como a pegada que estas últimas deixaron sobre o sedimento.

Mena asegurou que o coñecemento da afectación dos cambios climáticos abruptos ao hábitat bentónico permite comprender a acción das masas de auga en relación a procesos sedimentarios e a fauna asociada. Nesta liña, explicou que entender o ocorrido permitirá coñecer como poden reaccionar a oceanografía e o clima de Galicia ante un acontecimento similar de liberación de auga doce ao océano, o que resulta de especial importancia ante o cambio climático actual.

O estudo centrouse no Evento de Heinrich 1, o máis recente, rexistrado fai uns 16.000 anos. Así, os reultados mostraron que as comunidades macrobentónicas experimentaron cambios durante o cambio climático e que os mesmos variaron de acordo coa súa posición respecto da costa.

De feito, o investigador da UVigo precisou que “durante a parte máis extrema do Evento de Heinrich, cando chegou a maior cantidade de icebergs, estas comunidades quedaron moi reducidas ou case desapareceron debido ás condicións de falta de osíxeno da superficie sedimentaria”. Ademais, indicou que a comunidade se recuperou “unha vez que se mitigou este evento ou que deixou de ser tan extremo”.

Así mesmo, detallou que as zonas máis próximas á costa presentan unha maior diversidade e abundancia de animais que as máis afastadas debido á topografía da Conca Interior de Galicia, a oceanografía e a acción das masas de auga.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...