Un estudo mostrou que a ordenación espacial de zonas de pesca, como os peches, permiten protexer ecosistemas mariños vulnerables e mitigar a captura incidental de especies.
Segundo trasladou o Centro Oceanográfico de Vigo, cuxos investigadores levaron a cabo o estudo, analizouse como a ordenación espacial impide a pesca comercial con artes de fondo nas zonas de corais de augas frías e esponxas de augas profundas.
Así, os investigadores da área de Pesqueiras Afastadas do Centro Oceanográfico de Vigo Pablo Durán Muñoz, Mar Sacau, Ana García Alegre e Esther Román analizaron datos obtidos polo Instituto Oceanográfico Español (IEO) mediante campañas de avaliación de grupos de peixes de fondo financiadas pola Unión Europea (UE) e como se integraron no proceso de ordenación da pesca de alto mar no Océano Atlántico noroccidental.
Os resultados desta investigación e outras dúas levadas a cabo por investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo relacionadas co crecemento azul foron recollidas pola revista científica Marine Policy.
En concreto, Esther Abad, Maria Grazia Pennino, e Julio Valeiras publicaron un artigo que aborda a integración de medidas de ordenación espacial na pesca mediante o estudo de caso de dúas especies de galo.
Ante o incremento das zonas de ordenación espacial, como as de conservación ou as vedas espaciais e temporais, presentaron un marco espacial para identificar as áreas nas que son máis abundantes as especies comerciais de tamaño inferior ao normal para facilitar que os pescadores as eviten e, deste xeito, se minimice o impacto sobre as mesmas.
Ademais, os investigadores Esther Abad e Martta Quinzán levaron a cabo un estudo xunto a profesionais da Universidade de Vigo (UVigo) e o Instituto de Investigacións Mariñas do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) sobre o uso da visión por computador a bordo de buques pesqueiros para cuantificar capturas.
Para iso, sitúase o dispositivo iObserver sobre a cinta transportadora da zona de clasificación da pesca, onde toma fotografías de toda a captura durante a separación. Un software de recoñecemento de imaxes de código aberto permite identificar o número de individuos, a especie e a lonxitude de cada individuo de acordo con descritores da pel e a forma. Para facilitar a definición das rexións pesqueiras, o iObserver dispón dunha interface gráfica e fácil de usar.
Así mesmo, Maria Grazia Pennino elaborou un estudo metodolóxico sobre descartes nun momento no que a Unión Europea (UE) incluíu, a través do Regulamento da Política Pesqueira Común (PPC), a súa prohibición. Para iso, búscase que se cumpra o desembarco das capturas non desexadas como medida para promover a súa redución.
Na investigación, sinalouse que o axuste de métodos novos, como modelos de estatística espacial e ecosistémicos, podería facilitar a identificación do mellor método de xestión.
Adicionalmente, a sección especial da revista científica elaborouse por mor das publicacións das contribucións realizadas no congreso MARTEC 18, que acolleu senllas conferencias internacionais sobre avances en tecnoloxías mariñas en maio de 2018 en Vigo.