InicioEconomíaA finalización da depuradora da Plisan de Salvaterra-As Neves está prevista para...

A finalización da depuradora da Plisan de Salvaterra-As Neves está prevista para agosto

Xa se adxudicaron as cinco primeiras parcelas desta área empresarial, que suman 69.000 metros cadrados.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou que se prevé que a finalización da obra civil da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Polígono Loxístico Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) teña lugar en agosto.

Así llo transmitiron os directores de obra da EDAR e a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) da plataforma loxística nunha reunión celebrada de modo telemático este luns na que tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García.

Deste xeito, analizouse o avance das obras tras a paralización causada polo estado de alarma aplicado debido á pandemia da COVID-19. Así, os directores de obra detallaron que se realizaron un 50% dos traballos da depuradora, que continuarán nos próximos meses.

Adicionalmente, estudouse o estado da potabilizadora, que disporá dunha capacidade de 77 litros por segundo. Esta actuación comprende a execución dunha captación de auga no río Miño, a instalación dunha impulsión entre esta última e a ETAP e a construción dun depósito de 6.830 metros cúbicos para a plataforma. Así, executáronse un 20% dos traballos da potabilizadora, que a Xunta prevé que finalicen no primeiro cuadrimestre de 2021.

Así mesmo, a conselleira destacou que estas actuacións permitirán ofrecer servizos ás primeiras empresas que se instalarán na Plisan. A ese respecto, lembrou que se adxudicaron o cinco primeiras parcelas desta área empresarial, que suman 69.000 metros cadrados.

Sobre ese punto, Ángeles Vázquez lembrou que se adxudicaron en réxime de dereito de superficie, o que permite que os beneficiarios accedan ao chan mediante un canon anual. Así, ofrécese unha carencia de 12 meses no pago do canon para facilitar a recuperación das empresas que se instalen na zona.

Ademais, os adquirientes de chan empresarial poderán solicitar prórrogas ou unha ampliación de prazos en relación ás súas obrigacións. En concreto, os adxudicatarios de chan bonificado dispoñen de tres anos para construír as súas instalacións e contar cunha licenza de actividade.

DEMANDAS

A conselleira tamén instou ao Goberno central a impulsar mecanismos incentivadores da reactivación económica nas superficies empresariais das que dispón en Galicia.

Nesta liña, lembrou que o Executivo central representa un dos promotores da Plisan polo que lle reclamou a adopción de medidas que faciliten a comercialización de chan industrial nesta plataforma mediante prezos que incentiven a venda de parcelas e a implantación de novos proxectos.

ÚLTIMAS

Os prezos da vivenda en Vigo baixarán case un 8% no primeiro trimestre, segundo a Intelixencia Artificicial

A Intelixencia Artificial prevé que as cidades de Santander (+6,6%), Lugo (+5,4%) e Alacante (+4,9%)...

Caballero anuncia unha reunión “técnica” con Transportes para analizar os pasos do AVE Vigo-Madrid e fixar prazos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores a celebración dunha reunión "técnica" en...

A planta de Stellantis en Vigo ten o futuro asegurado: será o lugar de fabricación dos seus novos modelos eléctricos

O grupo automobilístico Stellantis confirmou a adxudicación da súa plataforma eléctrica STLA Small ás súas plantas...

Vigo preséntase este xoves en Fitur como unha cidade “única no mundo”: do Nadal aos concertos de Castrelos pasando polas praias e as filmacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou de que o Concello se presentará este xoves...