InicioSociedadeEn liberdade o salesiano dun centro de Vigo investigado por abusos a...

En liberdade o salesiano dun centro de Vigo investigado por abusos a menores

O tribunal estima que "se mitigou" o risco de reiteración delituosa.

PUBLICADO O

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou un auto polo que estima parcialmente o recurso presentado pola defensa de Segundo C.V., un salesiano de Vigo investigado por abusos a menores, e decreta a súa posta en liberdade provisional baixo fianza de 12.000 euros, ao entender que “se mitigou” risco de reiteración delituosa.

Este sacerdote, que exercía funcións nun colexio salesiano de Vigo, foi detido en xullo do ano pasado, despois de que varios menores denunciasen supostos abusos pola súa banda nun campamento de verán que tiña lugar en Cambados.

Segundo C.V., que foi apartado das súas funcións polo Colexio, ingresou en prisión poucos días despois, investigado por abusos sexuais a varios menores. Aínda que o seu defensa solicitou en varias ocasións a súa posta en liberdade, os tribunais denegáranlla ata agora.

O pasado 30 de marzo, o xulgado de instrución de Cambados que investiga os feitos volveu denegar a excarceración do sacerdote, e a súa representación legal interpuxo recurso de apelación, que agora a Audiencia estimou parcialmente.

A defensa argumentou a súa petición alegando que non hai risco de fuga e que o investigado ten arraigamento en Cambados, onde vive a súa familia. Así mesmo, pediu que se tivese en consideración o tempo que xa pasou en prisión (máis de 9 meses), e que o feito de estar no cárcere, coa pandemia de coronavirus, podería supor un risco adicional, xa que padece asma.

ARGUMENTOS DA AUDIENCIA

Pola súa banda, o tribunal provincial rexeitou que a emerxencia sanitaria pola COVID sexa un factor determinante e tampouco cre que as medidas de confinamento polo estado de alarma reduzan o risco de fuga, xa que é notorio que moitos cidadáns “as incumpren”.

En todo caso, si aceptou que existen “medidas menos gravosas” que a privación de liberdade para este investigado, e tivo en conta o tempo que xa estivo en prisión, así como o feito de que xa non poida exercer actividade docente ou doutra índole con menores. Todo iso, concluíu “mitiga o risco de reiteración delituosa”.

Así, a sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra resolveu estimar parcialmente o recurso e decretar a liberdade provisional, condicionada ao pago dunha fianza de 12.000 euros.

Tamén acordou outras medidas, como a retirada de pasaporte, a prohibición de saír do territorio nacional, ou de achegarse ás súas vítimas, e a obrigación (cando se levanten as restricións) de comparecer semanalmente no xulgado.

ÚLTIMAS

Condenados a 5 e 4 anos de cárcere os dous acusados de dar unha malleira a dous mozos na rúa Hernán Cortés de Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou aos...

Deteñen en Vigo un home por agredir ao seu fillo de 13 anos cun cinto e unha botella de plástico

Un home, P.A.V.S. de 43 anos de idade, foi detido na tarde deste pasado...

Os traballadores de Vitrasa protestan durante o acto da Constitución e Caballero sae escoltado por Policía Nacional

Os traballadores de Vitrasa, concesionaria do bus urbano de Vigo, trasladaron este martes as...

Máis de mil vigueses xa teñen representación no caso do Cártel dos Coches con 40.000 afectados en Galicia

A oficina de Vigo do despacho BGI LAW representa xa a máis de 1.000...