InicioSociedadeDetido un home por agredir a súa parella, á que deixou inconsciente

Detido un home por agredir a súa parella, á que deixou inconsciente

El mais outros tres homes foron tamén detidos por roubo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Axentes da Policía Nacional detiveron nas últimas horas a catro homes –D.M.F., natural de Ponteareas e de 27 anos de idade; F.J.A.G., de Ponteareas e de 32 anos; R.C.Q., de Vigo e de 42 anos; e J.F.R., de Vigo e de 29 anos de idade– aos que se atribúe a autoría dun roubo con forza. Ademais, a un dos detidos impútaselle tamén unha agresión á súa parella, que foi atopada na vivenda que compartían, inconsciente, e con cortes nos brazos.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar á primeira hora da mañá do martes, cando unha dotación do 092 desprazouse á zona de Balaídos, alertada por unha pelexa violenta na vía pública, na que estaban implicados 4 homes.

Ata o lugar, na confluencia das rúas Alexandre Bóveda e Pinal de Dentro, achegáronse tamén efectivos da Policía Nacional, e comprobaron que había un coche no medio da calzada co maleteiro aberto.

Á beira do coche, ademais da presenza de catro individuos, os axentes comprobaron que había bolsas tiradas, un carro de compra e diversos trofeos, así como ferramentas das que se utilizan para forzar fechaduras. Un dos homes alegou que os obxectos eran seus, pero a Policía comprobou que podían proceder da sede dun club de petanca situado na rúa Mariña Mansa, preto de alí.

Tras contactar coa propietaria do local, os axentes constataron que alguén entrara no establecemento, xa que tiña un enreixado roto e unha xanela estaba forzada. A muller ratificou que os ladróns levaron bebidas, unha televisión, un equipo de música, roupa e outro material deportivo do club, unha tixola, e unha cortadora de fiambre.

AGRESIÓN Á SÚA PARELLA

Cando se lles informou da detención por un suposto delito de roubo con forza, un dos homes, R.C.Q., tratou de fuxir e, ao interceptalo, os axentes déronse conta de que presentaba un corte no pescozo, o que fixo sospeitar da súa posible implicación nunha pelexa nun domicilio, onde se desprazara outra dotación policial momentos antes.

Os efectivos policiais personáronse na vivenda (que coincidía co domicilio de R.C.Q.) tras recibir o aviso de que se escoitaron ruídos de pelexa. Ao chegar, outro inquilino que comparte a vivenda co sospeitoso e a súa muller abriron a porta aos axentes, aos que franquearon o paso cando constataron que, no chan e paredes, había restos de sangue.

Os axentes entraron na habitación na que estaba a muller, e atopáronlla tombada na cama, inconsciente, con cortes nos brazos e cun dedo parcialmente seccionado, polo que avisaron a unha ambulancia para que a trasladase a un centro hospitalario.

Ademais, os policías tamén localizaron, no interior da vivenda e dentro dunha caixa, practicamente todos os efectos que foran subtraídos no club de petanca.

ANTECEDENTES

Os detidos foron trasladados a Comisaría onde se comprobou que, entre todos, suman 65 antecedentes policiais, algúns por roubo con forza. Os arrestados e as dilixencias practicadas foron postas a disposición do xulgado de garda de Vigo.

A intervención foi levada a cabo por axentes da Policía Local, e axentes da Brigada de Seguridade Cidadá da Comisaría de Vigo-Redondela.

ÚLTIMAS

Un atuneiro dunha empresa viguesa, implicado nun naufraxio cun desaparecido nas Galápagos

O atuneiro 'Ría de Aldán', comprado o ano pasado pola viguesa Wofco, viuse implicado nun accidente...

Restablecen a circulación na ponte de Rande logo dun accidente múltiple que provocou retencións

A circulación na ponte de Rande quedou restablecida despois de algo máis dunha hora...

O AVE Vigo – Porto tardará 50 minutos, pero non se sabe cando estará operativo

Portugal prevé que a conexión en tren de Vigo ao Porto sexa de 50 minutos...

A Xunta intervirá Ambulancias del Atlántico con tres técnicos de Tragsa e xestionará a entrega de nóminas

Os sindicatos CIG, CC.OO. e USO informaron, nun comunicado conxunto, do achegamento de posturas...