Manuel Reigosa tomou posesión do cargo de reitor da Universidade de Vigo este venres, nun acto no que expresou o compromiso do seu equipo de goberno co “diálogo”, o “cambio de rumbo” na xestión da institución, e a “aposta polos recursos humanos”.
O novo reitor, quen agradeceu a todo o seu equipo o traballo realizado durante a campaña electoral, así como o apoio e a confianza recibidos por parte da comunidade universitaria, recalcou que os seus obxectivos estratéxicos resúmense no lema co que gañou as eleccións, “a universidade das persoas”.
Reigosa explicou que a súa acción de goberno terá tres liñas básicas: programar a “universidade do futuro”, facer que os membros da comunidade universitaria sintan o “agarimo” da institución, e “recuperar as pontes perdidas, tomando decisións despois do diálogo e o consenso”.
Nesa liña, o reitor expresou o seu compromiso coa mellora das condicións de traballo na Universidade de Vigo, a negociación de “regras claras e estables” para guiar os procesos de promoción interna, o impulso da docencia “para que deixe de verse como un castigo”, a simplificación dos trámites burocráticos ou a aposta polas persoas, en lugar de polos “ladrillos”.
RETOS DE FUTURO
O reitor, quen avanzou que proximamente se convocarán comisións de traballo para mellorar a xestión interna da Universidade, referiuse tamén aos principais retos de futuro da institución.
Segundo subliñou, o envellecemento da poboación e a caída demográfica obrigarán a traballar de forma máis intensa na captación de alumnos, e reiterou que o foco do seu goberno estará posto en Iberoamérica e nos países lusófonos.
Tamén anunciou a súa intención de renovar e ampliar o persoal investigador, e de traballar para que a UVigo volva subir nas clasificacións das mellores universidades do mundo. “Con certa axuda, presidente, volveremos estar neses postos“, indicou, dirixíndose ao titular da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, que estivo presente no acto de toma de posesión.
“Agora vexo moitos sorrisos nos campus cando paseo, espero que sigan así dentro de catro anos”, aseverou Reigosa, para concluír a súa intervención.
COOPERACIÓN ENTRE UNIVERSIDADES GALEGAS
Pola súa banda, o presidente da Xunta eloxiou o traballo dos reitores que, desde a súa creación en 1989, pasaron pola Universidade de Vigo, con especial mención a quen este venres deixaba o cargo, Salustiano Mato.
Núñez Feijóo tamén deu a “benvida” a Manuel Reigosa, que “trae consigo experiencia, prestixio, independencia e ilusión“, e ao que felicitou, en ton de broma, por ser “baloncestista”.
“Vista a importancia (do baloncesto) na política e na universidade, todos teremos que practicalo con máis intensidade”, engadiu, en alusión á afección que o novo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ten por este deporte.
O titular do Executivo galego reafirmou o compromiso da Xunta coas universidades e celebrou que os “malos agoiros” que xurdiron cando Galicia pasou dunha a tres universidades “foron equivocados”. Así, destacou, o investimento en educación superior é “prioritaria”, respéctase a “autonomía” das institucións, e o anunciado “minifundismo” foi en realidade “cooperación”.
Segundo Feijóo, esta cooperación entre as tres universidades galegas permitiu logros como ter un plan de financiamento até 2020 con 2.400 millóns de euros, facilitar a participación de Vigo e A Coruña na docencia clínica, crear un Consorcio Interuniversitario, ser pioneiros na especialización de campus, e blindar a I+D+, entre outros.
VICERREITORES
Ademais do novo reitor, este venres tomaron posesión dos seus cargos Miguel Ángel Michinel, como secretario xeral da Universidade de Vigo; José Luís Míguez, como vicerreitor de Planificación e Sostenibilidade; Mónica Valderrama, como vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; e José María Martín Moreno, como vicerreitor de Economía.
Así mesmo, xuraron ou prometido o seu cargo Belén Rubio Armesto, como vicerreitora de Investigación; Manuel Ramos, como vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado; María Consuelo Pérez, como vicerreitora de Transferencia; e Natalia Caparrini, como vicerreitora de Captación de Alumnado e Extensión Universitaria.
A eles súmanse Jesús Simal, como vicerreitor de Internacionalización; María Isabel Doval, como vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación; Jorge G.Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra; e Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense.