InicioSociedadeEn proceso de compra 100.000 máscaras para repartir entre os vigueses

En proceso de compra 100.000 máscaras para repartir entre os vigueses

Abel Caballero explicou que a compra deste tipo de artigos de protección "non está a ser fácil" no actual escenario de crise sanitaria polo coronavirus.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes que o goberno municipal está “no proceso” de compra de 100.000 máscaras “para repartir” entre os cidadáns vigueses, ao que seguirán, se é posible, outras dúas operacións de compra pola mesma cantidade, ata chegar a un total de 300.000 máscaras.

Así o avanzou o rexedor nunha rolda de prensa telemática, na que explicou que 20.000 desas máscaras estarán dispoñibles de inmediato, xa que serán cedidas polo hospital Povisa (ao que se lle devolverán unha vez que o Concello reciba o primeiro lote de 100.000).

O alcalde explicou que a compra deste tipo de artigos de protección “non está a ser fácil” no actual escenario de crise sanitaria polo coronavirus, pero desvelou que o Concello logrou contactar, a través dun “intermediario”, cun provedor “viable”.

Trátase de máscaras cirúrxicas que se distribuirán entre a poboación, especialmente pensando nas persoas que saen á rúa a facer a compra, a traballar ou a outras actividades autorizadas, e estano facendo “sen protección”.

Abel Caballero insistiu en que pode garantir a distribución das primeiras 20.000 máscaras, mentres que as outras 80.000 están aseguradas “ao 95 por cento”, dado que se trata dun vendedor “de confianza”. “Xa temos unha idea do prezo, é unha operación sólidamente asentada, fiable, pero hai que ter todas as precaucións”, engadiu o alcalde, quen desvelou que chegou a desestimar outras “ofertas” por que non se fiaba.

Caballero confirmou que, despois desta primeira compra, están previstas outras dúas, ata chegar ás 300.000 máscaras, se é posible.

O rexedor olívico volveu a denunciar que Vigo non recibiu, a día de hoxe, “ningunha máscara para repartir entre os cidadáns procedente da Xunta”. “Mandáronnos 14.000 caducadas desde 2014, e eu non vou repartir máscaras caducadas, porque iso é enganar á cidadanía”, sentenciou.

AXUDAS

Por outra banda, o alcalde recalcou que o Concello de Vigo segue tramitando axudas de emerxencia debido á crise sanitaria. Así, “sen contar as bolsas de comedor”, outorgáronse 4.232 destas axudas desde que se declarou o estado de alarma, o que supón un incremento do 220 %.

Con respecto ás bolsas de comedor que está a adiantar a administración municipal, as axudas superan as 2.000, ao tramitarse outros 138 pagos nas últimas horas. Do mesmo xeito, o Concello concedeu, ata o pasado 20 de abril, 800 cartóns para sufragar gastos de alimentación.

A iso súmanse novas altas nos servizos de teleasistencia, atención a domicilio e repartición diaria de menús (actualmente, por encima dos 600 menús cada día). “O Concello non se marca ningún límite orzamentario para atención social”, proclamou.

Con respecto ás denuncias por infrinxir o confinamento, Abel Caballero informou de que a Policía Local tramitou, nas últimas horas, outras 29 propostas de sanción.

ÚLTIMAS

Xulgan en Vigo un home acusado de abusos sexuais continuados a unha menor

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este...

Un ano de prisión por apropiarse de equipos dunha emisora para revender en tendas de segunda man

A Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebra este mércores 28 de...

O xulgado solicita á Policía Local información e documentos sobre o ‘Saltamontes’ no que morreu un mozo en 2024

O xulgado de instrución 3 de Vigo, que investiga o accidente sucedido en agosto do...

Alento celebra o seu 25 aniversario elaborando “a tortilla máis grande da historia de Vigo”

A Asociación de Dano Cerebral Alento celebrará este sábado, 25 de maio, o seu 25 aniversario cunha festa...