Dous mortos no centro de Chapela: “Os EPIs que temos son grazas a doazóns e seguen tardando as probas”

Os traballadores quéixanse da lentitude das probas para a COVID-19. "Hai a quen se lle fixo a proba fai 4 días e aínda non sabemos se é positivo ou non", manifestan.

CAPD de Chapela©Miguel Núñez

O Centro de Atención para Persoas Dependentes (CAPD) de Chapela ten xa máis de 60 infectados por coronavirus. O centro conta cunhas 170 persoas entre traballadores e residentes. Dos infectados, 40 son residentes e máis de 20 traballadores. Ademais, nos últimos días 8 persoas foron hospitalizadas, das que recentemente faleceron dúas.

Os traballadores do centro, xa viñeron advertindo desde o inicio da crise da toma “lenta e mala” de decisións por parte da administración, competencia da Xunta. “Aínda que agora estamos máis protexidos, moitos dos EPIs que nos chegaron foron a través de doazóns de particulares”, sinala un coidador do centro.

As dúas persoas falecidas rondaban os 50 anos. “Non contábamos con ningunha destas mortes”, lamenta unha traballadora. Pese a esta situación, destacan os traballadores o bo estado no que se atopa a terceira planta da residencia, sen ningún contaxiado.

Ante o medo ás baixas laborais pola crise, a administración do centro sí aumentou a plantilla, chegando a traballar os liberados sindicais. “Polo menos agora non sufrimos a carga de traballo que temíamos“, sinala a mesma traballadora. “Penso que a mellora nos servizos e na hixiene foi grazas a presión dos pais a través da alcaldesa”.

Con todo, os traballadores quéixanse da lentitude das probas para a COVID-19. “Hai a quen se lle fixo a proba fai 4 días e aínda non sabemos se é positivo ou non”, manifestan.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here