InicioSociedadeFeijóo: "Xa lle gustaría a moitas familias a subida salarial de 300...

Feijóo: “Xa lle gustaría a moitas familias a subida salarial de 300 euros mensuais dos funcionarios de Xustiza”

O presidente cualifica de "exemplar" a obra da nova Cidade da Xustiza de Vigo, e defende que a Xunta é "a administración que máis inviste en Vigo".

PUBLICADO O

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lembrou que, após case 4 meses de folga, os funcionarios lograron unha subida salarial media de 300 euros mensuais, “que xa lles gustaría a moitas familias”, defendeu, engadindo que, superado o conflito laboral, a Xunta “mantén tamén os seus compromisos coa modernización tecnolóxica da xustiza e coa mellora das infraestruturas”.

De tal xeito, confirmou este luns que a nova Cidade da Xustiza de Vigo contará cunha escola infantil, para os pais e nais que traballen nas futuras dotacións. Así o avanzou durante unha visita ás obras de rehabilitación do antigo Hospital Xeral, onde se instalarán os novos xulgados a partir de finais de 2019.

Segundo sinalou Feijóo, esta actuación é “histórica” porque, ademais de permitir concentrar todos os órganos xudiciais nun só edificio, prevé espazo para Policía Xudicial, Policía Autonómica ou o Imelga.

A iso sumarase unha gran praza pública e, tal e como anunciou este luns, unha gardería para os funcionarios da administración de xustiza. Todo iso, recalcou, contribuirá non só a recuperar un edificio emblemático, senón tamén a dinamizar unha zona da cidade que, co peche do hospital, “quedaba precaria”.

O presidente do goberno galego recalcou que esta actuación é a que maior investimento contempla no plan de infraestruturas xudiciais da Xunta, con 30 millóns de euros, e sinalou que, unha vez “encamiñadas” as reclamacións do colectivo de traballadores deste servizo, haberá “un antes e un despois” da posta en marcha destas dotacións.

OBRA “EXEMPLAR”

Por outra banda, Feijóo subliñou tamén as condicións de adxudicación e execución os novos xulgados de Vigo. Así, lembrou que se licitaron demolición e adxudicación dos traballos de rehabilitación paralelamente, e cualificou como “exemplar” esa primeira parte de derriba, que acaba de concluír.

Segundo lembrou o propio arquitecto da obra, Alfonso Penela, durante a fase inicial puidéronse recuperar 105 toneladas de aluminio, 30 toneladas de chumbo, 1.300 toneladas de chatarra, 50 de cobre, 45 de cableado de cobre e recicláronse 15.000 toneladas de áridos.

Este proceso de recuperación e reciclaxe permitiu á Xunta ingresar 800.000 euros, que compensaron os gastos adicionais pola retirada de fibrocemento con amianto, e permitiron manter o orzamento.

Finalmente, Núñez Feijóo volveu a proclamar que a Xunta é a administración que máis inviste en Vigo “e así seguirá até 2020”, e puxo a Cidade da Xustiza como exemplo de actuación “responsable” e “útil” dun goberno. “O importante é que podamos ofrecer ás cidadáns cousas para quedar, ben feitas, non cousas que se van”, sentenciou.

ÚLTIMAS

Sanidade non garante os salarios do persoal de ambulancias e realizará unha intervención pública da empresa

Altos cargos da Consellería, Sergas e 061 con representación do comité de folga da...

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...