InicioSociedadeCampaña para reclamar a xubilación anticipada voluntaria para os enfermeiros

Campaña para reclamar a xubilación anticipada voluntaria para os enfermeiros

O Sindicato de Enfermaría inicia unha serie de proxectos para mellorar as condicións laborais do colectivo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A secretaria xeral do Sindicato de Enfermaría (Satse) en Galicia, Carmen García Rivas, avanzou que esta central levará a cabo unha campaña a nivel estatal para reclamar a xubilación anticipada voluntaria para os enfermeiros.

Durante unha rolda de prensa celebrada en Vigo este martes, avanzou que membros do sindicato se reunirán con responsables do Goberno central e os executivos autonómicos, así como cos grupos políticos que contan con representación no Congreso dos Deputados e o Senado. Así, buscarase que as administracións impulsen a elaboración de senllos informes preceptivos nos que se analicen as condicións laborais do colectivo.

Así mesmo, a sindicalista indicou que levarán a cabo xornadas e se distribuirá material informativo para sensibilizar á cidadanía sobre os “riscos” psicosociais, biolóxicos, químicos, físicos e mecánicos aos que se enfronta o colectivo.

A ese respecto, Carmen García destacou que un 60 por cento dos enfermeiros que traballan en Atención Hospitalaria desempeñan o seu labor en quendas rotativas, o que, segundo apuntou, afecta á súa saúde e á conciliación laboral e familiar. Tamén sinalou que aos traballadores deste colectivo que desempeñan o seu labor en hospitais non se lles exime de cubrir as quendas nocturnas ao alcanzar unha idade avanzada.

Nese sentido, a sindicalista remarcou que a Organización Internacional do Traballo (OIT) e un estudo publicado polo American Journal of Preventive Medicine conclúen que as persoas que traballan pola noite falecen antes e que as mulleres que cobren estas quendas presentan un risco de morte un 11 por cento máis elevado que as demais, respectivamente.

Ademais, a secretaria xeral de Satse en Galicia sinalou que se aplicou un coeficiente reductor da idade de xubilación de acordo coa Lei Xeral de Seguridade Social a traballadores doutros sectores, como o ferroviario, o da minaría e o policial. Esta norma permite reducir a idade mínima esixida para acceder á pensión de xubilación para profesionais cuxos traballos leven condicións penosas, tóxicas ou perigosas e presenten altos índices de morbilidade e mortalidade, entre outros.

PROPOSTA

En concreto, Carmen García indicou que Satse tamén propón aplicar un coeficiente reductor sobre o período traballado nesta categoría para calcular a idade á que se poderían xubilar os enfermeiros, que non podería ser inferior aos 52 anos. Deste xeito, unha persoa que cotizase menos de 37 anos podería acceder á pensión de xubilación cinco anos antes da idade fixada para iso, mentres que un empregado que acumulase máis anos traballados podería retirarse seis anos por anticipado.

Nesta liña, a sindicalista apuntou que se aposta por aplicar un incremento da cotización con cargo ao empregado e a empresa uns anos antes de levar a cabo a xubilación neste ámbito, que non tería que estenderse a outros sectores nos que puidese traballar a persoa.

Tamén lembrou que este colectivo dispuña da posibilidade de acceder a unha xubilación anticipada de modo voluntario ata a aplicación de “recortes” en 2012, o que, ao seu xuízo, supuxo un “retroceso” nas condicións laborais dos enfermeiros.

Adicionalmente, a secretaria xeral de Satse na comunidade incidiu en que ofrecer a posibilidade dunha xubilación anticipada aos enfermeiros suporía un aforro no pago do seu salario para as administracións dado que a pensión cobrada sería inferior á súa nómina. Tamén apuntou que levaría unha renovación dos persoais que redundaría en máis oportunidades laborais para a mocidade.

ÚLTIMAS

A irmá de Humberto Baena pide a Caballero unha homenaxe oficial en Vigo

Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena, un dos últimos fusilados pola ditadura...

A Xustiza dá a razón aos feirantes do Porriño e anula parte das bases das festas do Cristo: outro ano sen atraccións

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra estimou parcialmente un recurso interposto pola...

Prisión para un home que ameazou cunha arma a unha muller e aos seus fillos na área de Vigo

A Garda Civil detivo na área de Vigo un home de 43 anos por...

Tres feridos leves nun accidente na Gran Vía de Vigo que terminou cun coche envorcado

Tres persoas sufriron feridas leves na noite deste domingo despois dun accidente entre dous...