InicioPolíticaCaballero ve positiva para Vigo a chegada do goberno socialista: "A diferencia...

Caballero ve positiva para Vigo a chegada do goberno socialista: “A diferencia é que agora si que teño interlocutores, imos falar sen parar”

Sobre o Ministro de Fomento: "Pedinlle unha entrevista fai 7 ou 8 meses, e nin contestación tiven. Así que estou encantado de que se vaia".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, celebrou este venres a aprobación da moción de censura e a chegada ao goberno de Pedro Sánchez, algo que cualificou como unha “boa noticia” para a cidade, á vez que asegurou que terá “acceso directo” tanto ao presidente do Goberno como ao seu equipo.

Así o manifestou nunha rolda de prensa na que expresou a súa felicitación a Sánchez e augurou que as relacións da cidade olívica co Goberno de España “mellorarán substancialmente“. “En termos de cidade, (o cambio de goberno) é un gran avance, e irémolo vendo”, apuntou.

Segundo indicou Abel Caballero, trasladará ao novo Executivo “as mesmas reivindicacións” que xa fixo chegar ao goberno de Rajoy, moitas delas sen éxito, como a demanda da AVE directo a Madrid por Cerdedo. A ese respecto, recalcou que “a interlocución está aberta” e que, de feito, terá “acceso directo” ao Goberno socialista e ao presidente Pedro Sánchez.

O alcalde de Vigo, que, curiosamente, foi o principal defensor en Galicia de Susana Díaz nas primarias socialistas, aseverou que a opinión de Pedro Sánchez sobre a cidade é “inmellorable”, e mostrouse convencido de que, agora si, as demandas do goberno municipal “van ser escoitadas”. “A diferenza é que agora si que teño interlocutores, agora imos falar sen parar“, reiterou.

AVE DIRECTO A MADRID

Abel Caballero exemplificou esas demandas na parálise do AVE Vigo-Ourense-Madrid por Cerdedo, e lembrou que o goberno de Rajoy mantivo paralizado desde hai anos a tramitación ambiental deste trazado. A día de hoxe, lembrou, un viaxeiro tarda menos en percorrer o traxecto Vigo-Ourense pola vía vella do Miño (e sáelle máis barato) que facéndoo en AVE, porque este se desvía por Santiago.

De feito, o rexedor mostrouse “encantado” da marcha do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e subliñou que se vai “en bo momento”. “Pedinlle unha entrevista fai 7 ou 8 meses, e nin contestación tiven. Así que estou encantado de que se vaia“, apostilou.

Por outra banda, o alcalde rexeitou facer especulacións sobre a formación do novo Goberno central e a posible presenza de socialistas galegos ou mesmo vigueses no Executivo. A preguntas dos medios sobre se se iría a Madrid se recibise a chamada de Pedro Sánchez para sumarse ao seu equipo, Abel Caballero proclamou: “Eu son alcalde, e iso é o que quero ser. Non se produciu esa chamada, nin se vai a producir“.

SILVA: “SUPÓN UNHA BRISA DE AIRE FRESCO”

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, afirmou que esta moción de censura “supón unha brisa de aire fresco”: “Co PP non había posibilidades de futuro, e hoxe ábrese unha porta a ese futuro que todas e todos desexamos e todas e todos necesitamos”, valora.

“O meu sentimento neste momento é un sentimento de alegría por ser capaces de expulsar a Rajoy e ao PP, e con eles á corrupción, a unha forma de gobernar na que nunca se pensa nas persoas e na cidadanía“, asegurou.

“Pero tamén un sentimento de responsabilidade porque a partir de hoxe mesmo toca cambiar as formas, os modos, as políticas, e comezar a deseñar o futuro para España, un futuro que estaba enterrado e cheo de lixo co PP“, apunta Silva.

REGADES: “PEDRO SÁNCHEZ VAILLE DEVOLVER A ILUSIÓN AOS ESPAÑOIS”

Así mesmo, o segundo tenente de alcalde de Vigo, David Regades, remarca que é “un día moi feliz para o socialismo de Pontevedra” e “é un gran día para España” ao ter un presidente “con moitas ganas de devolver a honradez ao Goberno de España”.

Regades asegura que “Pedro Sánchez vai devolver a ilusión a todos os españois”, mentres o seu goberno “vai dar luz á saída desta crise” cunha “repartición xusta” no que “non se beneficien os poderosos, os de sempre”.

ÚLTIMAS

Caballero “tende a man” a Rueda e pide un encontro

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu un encontro co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para...

O CEO de Stellantis avisa dunha ballata “moi dura” coas marchas chinesas de vehículos

O conselleiro delegado (CEO) de Stellantis, Carlos Tavares, lanzou unha advertencia contra as autoridades...

O Concello media coa compañía eléctrica para que reactive a luz á familia do Calvario con dous fillos menores

Os servizos sociais do Concello de Vigo mediaron coa compañía eléctrica para solicitar a reactivación da...

Tanxugeiras interpretarán o himno galego no encontro da selección galega contra Panamá en Vigo

Tanxugueiras serán as encargadas de pór voz ao himno galego no regreso da Selección...