InicioEconomíaDenuncian ante a UE as prórrogas da concesión da AP-9 por vulnerar...

Denuncian ante a UE as prórrogas da concesión da AP-9 por vulnerar a normativa

A asociación EN-COLECTIVO sostén que deberían someterse a un proceso de licitación para asegurar a libre competencia.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A asociación EN-COLECTIVO anunciou este xoves que presentou unha denuncia ante a Comisión Europea por considerar que as prórrogas da concesión da AP-9 a Audasa, aprobadas por senllos reais decreto en 1994 e 2000, vulneran a normativa comunitaria.

Segundo explicou o presidente da asociación, Diego Maraña, dita denuncia xa foi presentada o pasado mes de xullo e agora a Comisión ten un ano para estudar a legalidade das devanditas prórrogas e, se considera que incumpren a normativa comunitaria, tramitar un ditame de incumprimento contra o Estado español.

O asesor xurídico da asociación para este procedemento, Carlos Cenalmor, do despacho vigués Gándara Moure, explicou que a denuncia se basea no feito de que, cando se fixeron as prórrogas, estaba a modificarse substancialmente o contrato coa concesionaria.

O Libro Verde da UE sobre contratación pública establece, sinalou, que nestes casos debe realizarse un novo proceso de licitación, para que outras empresas puidesen optar a explotar a autoestrada. As prórrogas da concesión da AP-9 deberían ser obxecto dun procedemento de contratación que non se levou a cabo.

OPTIMISMO

EN-COLECTIVO expresou o seu optimismo con respecto á admisión da denuncia, xa que a Comisión Europea, cando rexeita unha petición deste tipo, adoita facelo nun prazo duns dous meses. Transcorridos seis meses desde a presentación desta denuncia, a asociación manifestou o seu convencemento de que o proceso “segue adiante”.

Ademais, puxeron como exemplo unha denuncia similar relativa a unha autoestrada de peaxe en Italia, cuxa concesión tamén foi prorrogada sen nova licitación. Neste caso, a Comisión Europea iniciou un procedemento por incumprimento contra este país.

Se a Comisión segue o mesmo camiño no caso de España, instaría o Goberno a tomar medidas, segundo explicaron os denunciantes, que reclaman a anulación desas prórrogas. “O Estado español pode tramitar unha nova licitación que, en todo caso, sería nunhas condicións moi distintas ás actuais. Ou ben pode facer o que se está facendo no resto de España, que é deixar as autoestradas libres de peaxe, porque o contrario sería un agravio comparativo cara a Galicia”, explicou Carlos Cenalmor.

No caso de que o Estado español non acepte as indicacións da Comisión, esta pode recorrer ao Tribunal de Xustiza da UE, mentres que, se se dá a circunstancia de que sexa a Comisión a que non acepte a denuncia de EN-COLECTIVO, a asociación tería que recorrer á vía xurisdicional española (denunciar ante o Tribunal Supremo), o que sería “máis lento e complexo”.

XUÍZO POLA RECLAMACIÓN DAS PEAXES

Por outra banda, o presidente de EN-COLECTIVO, Diego Maraña, referiuse tamén a outro procedemento no que está inmersa esta asociación: a reclamación da devolución das peaxes pagas durante o tempo en que se produciron as obras de ampliación da ponte de Rande, na AP-9.

O avogado que os asiste nesta causa, Antonio Heredero (do despacho Balms), confirmou que o xuízo por esta reclamación, instado pola Fiscalía, celebrarase do 11 ao 13 de febreiro no Xulgado Mercantil número 1 de Pontevedra. Aínda que se denegou a declaración de 80 testemuñas propostas pola asociación, durante eses días, si comparecerán “todos os gardas civís” que actuaron durante “as máis de 108 retencións” que debeu ás obras, e que Audasa “nega”.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...