InicioSucesosO balance final da explosión de Tui: polo menos 692 afectados, 26...

O balance final da explosión de Tui: polo menos 692 afectados, 26 casas destruídas e 92 con danos

O Concello indica que quedan catro persoas hospitalizadas, entre eles os dous menores fillos do matrimonio falecido

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Centro de atención aos afectados pola explosión de material pirotécnico ocorrida o pasado mércores na parroquia de Paramos, en Tui, rexistrou un total de 692 persoas afectadas e abriu 325 expedientes de incidencias até as 13:00 horas deste luns.

Así o comunicou o Concello de Tui, que tamén indicou que até o momento contabilizáronse 26 casas destruídas completamente, 49 coa estrutura “moi afectada” e 43 que presentan “unha gran afectación na cuberta”.

Tal e como explicou o Consistorio, unha vintena de empregados municipais atenden aos afectados no Centro de Formación local, onde se centralizan estes labores de atención e asesoramento.

 
Entre outras cuestións, o persoal dos servizos sociais traballa para recolocar ás familias que non poden regresar ás súas casas. Así, catro delas trasladaranse nas próximas horas a unha vivenda en aluguer, e continúan os labores para atopar outros domicilios que cumpran as necesidades do resto de familias (membros da unidade familiar, menores escolarizados, disposición de vehículo, etc.).

Así mesmo, no lugar traballa o gabinete urbanístico local (composto por dous aparelladores e dous auxiliares administrativos), equipo que este luns asistiu a 21 persoas en relación aos trámites a levar a cabo para reparar os seus inmobles.

As autoridades e os escombros / Miguel Núñez

Ao persoal municipal súmanse tres traballadores sociais da Deputación de Pontevedra, aos que este martes se unirán dous aparelladores do servizo de arquitectura, un técnico de xestión económica e un experto en seguros.

Ademais, por parte da Xunta incorporarase un técnico do Instituto Galego de Vivenda e Solo para informar as liñas de axudas habilitadas pola Administración autonómica. Así mesmo, catro persoas voluntarias colaboran en diversas tarefas.

CATRO PERSOAS NO HOSPITAL

No mesmo comunicado, o Concello transmitiu que o alcalde, Carlos Vázquez Padín, visitou este domingo ás catro persoas que continúan ingresadas en centros hospitalarios. Alí trasladoulles o apoio e solidariedade da corporación, e preguntoulles polas necesidades que terán cando sexan dados de alta.

Entre as ruínas / Miguel Núñez

Entre as persoas que seguen ingresadas atópanse os dous menores fillos do matrimonio que faleceu ao resultar sepultos polos cascallos da súa casa após a explosión. Os menores están baixo a tutela do xerente do Hospital Álvaro Cunqueiro e a Xunta “estuda a mellor fórmula” para decidir quen se fará cargo deles en canto reciban o alta.

ZONA CERO

Doutra banda, o Concello indicou que no barrio de Torre, zona cero da explosión, o arquitecto municipal e operarios do servizo de obras continúan cos traballos de avaliación e reparación de infraestruturas.

A maiores, o Concello avanzou que solicitará aos peritos xudiciais que están a avaliar os danos en todas as casas que realicen tamén unha valoración económica, para poder cuantificar os danos.

 
Neste sentido, o Centro de atención aos afectados chamou ás persoas que sufriron danos nos seus vehículos e que non os rexistraron no seu expediente de incidencias, para que volvan acudir a este centro para engadir eses danos e así formen parte da listaxe de afectados na tramitación que terán que facer coa aseguradora.

Este centro de atención sitúase no Centro de Formación do Concello de Tui en Guillarei, e habilitouse tamén o email afectadostui@concellotui.org e o teléfono 986.603.949. Ademais, Abanca abriu unha conta para recibir doazóns, das que Vázquez Padín asegurou que “o 100% será para axuda aos afectados”.

ÚLTIMAS

Incautados en Tahití case 524 quilos de cocaína nun pesqueiro con base en Vigo

A Mariña francesa incautouse dun alixo de 524 quilos de cocaína atopado nun barco pesqueiro con...

Abel Caballero saca peito do feito no ano 2024, “o mellor ano na historia de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance do 2024, "o mellor ano na historia...

Defensa da Sanidade Pública denuncia que o contrato da Xunta con Povisa “consolida a privatización hospitalaria”

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denunciou que o contrato con...

OPINIÓN.- Vigo e a construción da paz mundial

A construción dunha Europa internacionalista e pacífica require unha profunda transformación nas dinámicas de...