Os casos de fillos que agriden os seus pais son cada vez máis frecuentes tanto en Galicia como en España. Con todo, a violencia filioparental segue sendo un fenómeno pouco visible na sociedade, din os expertos, quen tamén apuntan a que unha das claves para solucionalo é a comunicación.
Segundo os datos do Ministerio Fiscal, este tipo de violencia afectou en 2018 a 238 familias en Galicia, que tomaron a decisión de denunciar os seus fillos despois de ser agredidos física, verbal, psicolóxica ou economicamente nalgunha ocasión. Esta cifra supera á rexistrada en 2017, cando 215 persoas denunciaron estes malos tratos na Comunidade.
Tomar a decisión de acusar xudicialmente ao teu fillo “sempre é unha tarefa delicada”, explicou a Europa Press a psicóloga da Fundación Amigó de Vigo, Raquel Gallego. Esta profesional traballa na organización viguesa e dedícase a mediar nos conflitos entre fillos e pais.
A súa función pasa por escoitar ambas as partes e abordar o problema desde a terapia conductual, é dicir, achegando “ferramentas” para modificar o comportamento dos fillos e dos pais que sexan útiles fronte a situacións de tensión que avocan en violencia por parte dos fillos.
O certo é que non existe un perfil de menores agresores nin tampouco un tipo de familia no que esta violencia apareza con máis frecuencia. O 52,6% dos casos danse en familias nucleares, mentres que as nais dunha familia monoparental sofren o 26,5% dos casos. O 15,4% xorde en familias reconstituidas e o 5,6% das veces é o pai da familia monoparental o que padece estas situacións.
Ante estes datos, Raquel Gallego quixo aclarar que aínda que é certo que a maioría dos casos de violencia se dan en familias nucleares, isto sucede porque hai máis que de ningún outro tipo. O mesmo pasa coas familias monoparentais que contan coa figura materna, existen máis que aquelas nas que o único proxenitor é o pai.
Podes ler a reportaxe completa en Galicia Confidencial.