O alcalde de Vigo, Abel Caballero, expresou este venres a súa “oposición total” e “para sempre” a que se fagan novos recheos na ría, e advertiu de que o respecto ambiental na baía é “compatible” co desenvolvemento industrial, sempre que se “racionalicen” as actuacións.
Así o trasladou despois de asistir á reunión mensual do Consello de Administración do Porto. Nesa reunión, o organismo portuario aprobou por maioría (aínda que coa oposición dos concellos de Vigo e Redondela, de Zona Franca e do representante sindical, de CC.OO.) o seu plan de empresa para 2020, que contempla, entre outras actuacións, os novos recheos no peirao de comercio e na terminal de Bouzas.
Abel Caballero xustificou o seu voto contrario a este plan no que respecta aos novos recheos previstos, e proclamou que “na ría se acabaron os recheos para sempre”. “Non podemos estar nun proceso continuo de ataque ao medio ambiente, por iso non vai haber máis recheos”, aseverou.
O alcalde expresou o seu convencemento de que o desenvolvemento industrial e a actividade económica portuaria son “compatibles” co respecto ao medio ambiente, sempre que se racionalicen, e mostrou a súa estrañeza porque o Porto proxecte xa os investimentos para esas actuacións de recheo a pesar de non ter aínda o Plan de Usos.
Por outra banda, con respecto a outra dos investimentos previstos no plan de empresa, a compra da parte privada do estaleiro Vulcano (os terreos anexos á concesión administrativa), o rexedor tamén se mostrou contrario, en tanto non se coñeza “que quere facer aí o Porto”. “Parece razoable seguir falando de actividade naval en Vulcano, por iso quero que o Porto fixe a súa posición antes de tomar decisións”, sentenciou.
CRÍTICAS DA XUNTA
Mentres, a Xunta de Galicia, que tamén está representada no Consello de Administración do Porto de Vigo, criticou as manifestacións do alcalde por “demagogo” e defendeu o plan de empresa da terminal portuaria aprobado este venres, sen o cal, o Porto quedaría “lastrado” nos seus investimentos para 2020.
Segundo sinalou a Administración autonómica, o documento (que foi acordado con Portos do Estado) recolle previsións que deben someterse a estudos ou decisións de terceiros que poden implicar modificacións.
De feito, incidiu en que os recheos previstos deben ser obxecto de estudo de impacto ambiental. A ese respecto, sinalou que a Xunta non apoiaría actuacións que non estean xustificadas, e engadiu que a ampliación da terminal de Bouzas si o estaría, polas necesidades da planta de PSA, aínda que sempre mantendo o equilibrio entre esas necesidades e o impacto ambiental.
O Porto de Vigo inclúe novos recheos e a compra de terreos anexos a Vulcano no seu plan de empresa